Preto de 400 talentos matemáticos participan este sábado en Santiago na proba de selección para Estalmat-Galicia 2010
Un total de 381 estudantes de toda Galicia nados en 1997 e 1998 participan este sábado, 5 de xuño, en Santiago nas probas de selección da promoción 2010 do Proxecto Estalmat-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas que dirixe o catedrático de matemática aplicada, Juan Viaño, actual vicerreitor de Profesorado e Organización Académica.
Da proba, que se desenvolverá ao longo de toda a mañá, sairán os 25 seleccionados que durante os dous vindeiros cursos académicos acudirán ás actividades que terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás dos sábados titorizados por un equipo doutros tantos docentes de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas. O curso iniciarase a finais de setembro cun campamento matemático.
Os participantes, 245 rapaces e 136 rapazas, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (189) e Pontevedra (141), seguidas das de Lugo (34) e Ourense (17), tanto do ensino público como do privado. Con este número de inscritos o Proxecto ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina dende 2007 e duplica a media dos tres últimos anos. Chégase así aos 1.000 estudantes que teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos catro anos para facer a proba de selección, e serán 100 os talentos que participen no programa.
A proba
A proba, consistente na resolución de problemas de distinto tipo e un test psicométrico, celebrarase a partir das 9:45 horas na Facultade de Matemáticas da USC. Durante a primeira parte, os familiares dos estudantes asistirán a unha sesión informativa sobre o proxecto Estalmat-Galicia.
As probas corríxeas de forma anónima un equipo de oito profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección corresponderalle ao conxunto do comité. A lista alfabética dos 50 primeiros preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto na terceira semana de xuño.
A coordinación da proba corre a cargo das profesoras Mercedes Feijoo, Covadonga Rodríguez-Moldes, Rosana Rodríguez e da decana da Facultade, María Victoria Otero.
Estalmat
Con esta iniciativa trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, pasalo ben ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade.
Estalmat-Galicia forma parte do proxecto estatal, implantado xa en varias comunidades autónomas co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e co patrocinio económico da Fundación Vodafone España, das Deputacións da Coruña e Lugo, do Proxecto Ingenio-Mathematica e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).