Pasar al contenido principal

Estudan o proceso de liberalización do sector servizos que impulsa a Directiva ‘Bolkestein’

Será nun seminario internacional que comeza o luns na Facultade de Dereito

Recoñecidos especialistas de distintas comunidades autónomas e doutros países europeos con modelos territoriais descentralizados daranse cita os vindeiros días 4 e 5 de outubro na USC nun seminario internacional que profunda na relación entre a prestación de servizos e o Dereito. É unha proposta formativa que dirixe a profesora Alba Nogueira na que o tema central será a incorporación ao ordenamento xurídico español da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 12 de decembro de 2006 relativa aos servizos no mercado interior. A inauguración oficial do encontro será o vindeiro luns 4 a partir das 9:30 horas na Sala de Xuntas do Decanato da Facultade de Dereito. Intervirán a vicerreitora de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante, a profesora Alba Nogueira e o decano do centro, Luis Míguez. Deseguido, comezará a quenda de intervencións presentando os obxectivos e transposicións da Directiva, O seminario pretende estudar os puntos críticos do proceso de liberalización do sector servizos que impulsa a coñecida como Directiva ‘Bolkestein’. O seu proceso de incorporación ao ordenamento supón un importante reto para todas as administracións públicas, dados os profundos cambios que xa está supoñendo para a intervención pública sobre as actividades de servizos. No encontro debaterase sobre os efectos da Directiva en canto á protección dos intereses xerais (medio ambiente, ordenación do territorio ou dereitos sociais, entre outros) e os dereitos dos cidadáns. Ademais, presentaranse distintas experiencias prácticas de adaptación por parte de administracións autonómicas e locais. Entendido a modo de reflexión colectiva entre expertos sobre o tema proposto, neste Seminario Internacional porán en común as súas achegas letrados e técnicos de administración e organizacións sociais galegas máis directamente implicadas con esta materia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.10.2010.