Investigadores da USC traballan na aplicación de novas tecnoloxías aplicadas ao ensino na Universidade Nacional de Córdoba en Arxentina
A profesora Adriana Gewerc, do grupo de investigación Stellae da USC, coordina o proxecto ‘ Universidade na Sociedade do Coñecemento. Fortalecemento Institucional de Áreas dedicadas ao Ensino con novas tecnoloxías’, co obxecto de incentivar na Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina) a aplicación de novas tecnoloxías nos procesos de ensino-aprendizaxe. O proxecto, que cumpre agora dous anos, destinou á súa actividade aproximadamente 240 mil euros, dos que máis de 130 mil foron dedicados a melloras tecnolóxicas, entre as que se contan a dotación de libros e notebooks para bibliotecas, a ampliación da conectividade, a instalación de aulas laboratorio, ademais da refuncionalización de distintos espazos.
Financiada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), a proposta desenvolve catro grandes liñas de acción que atenden á formación (docente e de posgrao), produción de materiais educativos (para o ensino universitario), I+D (estudando, entre outros asuntos cómo modifica a inclusión de tecnoloxías as prácticas educativas) e mellora tecnolóxica (facilitando infraestrutura física para o acceso á tecnoloxía dixital e a conectividade).