Pasar al contenido principal

Un equipo de investigadoras da USC rescata 300 documentos esquecidos que achegan luz sobre os últimos anos de Valle-Inclán

As sete autoras do libro Todo valle-Inclán co vicerreitor de Cultura, o vicepresidente da Deputación e o director do servizo de Publicacións da USC
As sete autoras do libro Todo valle-Inclán co vicerreitor de Cultura, o vicepresidente da Deputación e o director do servizo de Publicacións da USC
Recóllense no libro 'Todo Valle-Inclán en Roma (1933-1936): edición, anotación, índices y facsímiles'

Sete autoras do Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC dirixido pola profesora Margarita Santos Zas recuperan nun libro arredor de 300 documentos procedentes do arquivo do Ministerio de Asuntos Exteriores e da Academia de Belas Artes de Roma, todos relacionados cos tres anos que o escritor dirixiu aquel Centro. A presentación da publicación Todo Valle-Inclán en Roma (1933-1936): edición, anotación, índices y facsímiles tivo lugar este martes en San Xerome nun acto no que participaron o vicerreitor de Cultura, Javier Garbayo; a profesora Santos Zas; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán, e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco. Asistiron tamén o resto das autoras Francisca Martínez, Carmen Vilchez, Catalina Míguez, Cristina Villarmea, Sandra Domínguez e Rosario Mascato. Para as investigadoras, eses case 300 documentos anotados extensamente son testemuño, a miúdo de puño e letra de Valle-Inclán, do itinerario dos seus últimos anos: desde a súa polémica elección como director ata os varios intentos de cesalo por parte do Ministerio; desde a súa vida cotiá en Roma cos seus fillos ata a evolución da súa quebrantada saúde; desde o seu inicial entusiasmo ata o desencanto final… As páxinas deste libro permiten percorrer a inxente tarefa, pouco recoñecida, levada a cabo polo escritor á fronte da Academia romana; os seus proxectos reformistas que chocaron cunha maquinaria administrativa lenta e reacia aos cambios ou os seus conflitos cos pensionados que transcenderon á prensa galega e nacional do seu tempo e que as autoras do libro baleiraron (Faro de Vigo, La Voz de Galicia, El Progreso, El Compostelano, El Eco de Santiago, El Correo Gallego, El Socialista, Heraldo de Madrid, El Imparcial, La Libertad, Luz, ABC, El Debate, La Voz , El Sol…). “Non son, pois -explicou a profesora Santos Zas- páxinas impersoais, senón cheas de vida, unha etapa da biografía do escritor, da súa personalidade irresistible, que se recorta sobre o telón de fondo da República”. Premio de Investigación Galardoado co Premio de Investigación Valle-Inclán 2008, o traballo está co editado polo Servizo de Publicacións da USC (serie Monografías da Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán) e a Deputación de Pontevedra. Trátase dun volume dobre cuxa segunda parte contén en formato electrónico a reprodución facsimilar de 70 documentos case todos inéditos como cartas, memorias, informes autógrafos, facturas, orzamentos ou fotografías da Academia… “Un fascinante documento gráfico daqueles tres anos que Valle-Inclán, director da Academia de Roma, tentou devolverlle ao centro o prestixio perdido”, apunta Santos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.10.2010.