O ciclo ‘O órgano da Igrexa da Universidade, doutra maneira’ explora afinidades deste instrumento con outras artes

O órgano da Igrexa da Universidade volverá resoar na procura de afinidades con outras formas de expresión artística como a danza ou a literatura. Deste xeito, os días 13, 19 e 26 de outubro o ciclo ‘O órgano da Igrexa da Universidade, doutra maneira’ propón un achegamento a este instrumento dende a súa propia esencia barroca “nun xogo de luces e sombras, de desequilibrios e contrastes” que servirán de pretexto para asistir a unha “festa barroca” ambientada para a ocasión, apuntan os seus promotores. A programación da terceira edición do ciclo presentárono este venres 8 na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca o director da Aula de Cultura da USC, Pablo Sampedro, e a responsable de contidos do ciclo, Belén Bermejo. Dende a súa concepción, o ciclo procura explorar novas formas de expresión e novas vías de relación con outras formas de expresión artística, explicou Pablo Sampedro. A conxugación de propostas máis tradicionais con programacións específicas abertas á comunidade universitaria e ao público xeral é a fórmula escollida para a posta en valor do órgano da universidade subliñou pola súa banda Belén Bermejo. Con esta filosofía, a responsable de contidos agarda un afastamento dos modelos habituais explorando potencialidades artísticas e estéticas. Resonet A primeira cita será o 13 de outubro cando o grupo Resonet presente a estrea dun novo proxecto que recrea o ambiente que debeu caracterizar unha festa relixiosa barroca “recorrendo a xoguetes de fogo, paxaros sonoros, danzas, sons de batalla e a ‘divinos tonos’” que interpretará a soprano Mercedes Hernández. Ademais, acompañarán a este relato musical dous bailaríns do grupo tradicional Ultreia. O obxectivo é “impresionar aos oíntes no plano emotivo, espacial e, naturalmente, sonoro” recreando “a esencia do Barroco. Improvisación e virtuosismo ‘Á teclas! Entre a improvisación e o virtuosismo’ é o lema do segundo recital programado, o día 19 de outubro, no que se presenta un programa de danzas europeas dos séculos XVI, XVII e XVIII interpretado ao órgano por Michael Behringer e por Marco Ambrosini que o acompañará cunha gaita renacentista. Ambos os dous intérpretes farán mostra da arte da improvisación e da glosa (variación), dando renda solta a un virtuosismo rigoroso para unha combinación musical diferente. Recital de poesía O broche do ciclo chegará o día 26 a través do verso, co recital de poesía ‘Do máis fondo do silencio, saen voces’, no que se darán cita Marilar Aleixandre, Ana Romaní, Dores Tembrás e Eva Veiga. Será a expresión da constante aposta que o ciclo de órgano da Universidade fai a prol da interdisciplinariedade, sinalaron na rolda de prensa.
Trátase do recital que dende hai nove anos organiza a Asociación Panda de RR.LL. na Coruña e que nesta ocasión se traslada á Igrexa da Compañía tendo como convidadas de excepción ás catro poetas que farán un repaso polo máis interesante e actual da súa obra. Como transfondo musical, os músicos Martina Schobersberger e Daniel Oman estrearán obras compostas para a ocasión polos compositores austríacos Rudolf Jungwirth e Thomas Mandel.