Pasar al contenido principal

As gañadoras do I Premio á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación recolleron os seus galardóns

Os traballos de Josefina Ling e Luisa Muñoz acadaron os primeiros premios da convocatoria
Os traballos de Josefina Ling e Luisa Muñoz acadaron os primeiros premios da convocatoria

‘Con A de Astrónomas’, da profesora Josefina Ling, e ‘Muller, traballo e niveis de benestar na costa de Galicia. Unha ollada ao século XX’ da profesora Luisa Muñoz Abeledo son os dous traballados gañadores do I Premio á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación, dotados con 1.500 euros cadanseu. Articulada nas modalidades de docencia e de investigación, esta convocatoria contemplaba ademais un segundo e un terceiro galardón por cada categoría. Todos eles entregáronse este luns 18 no Salón de Graos do Colexio de San Xerome nun acto que presidiu o reitor compostelán Juan Casares. Xunto a el tamén interviñeron na entrega Natalia Cimadevila, en representación da Secretaría Xeral de Igualdade; a concelleira de Benestar, Mar Martín; as vicerreitoras de Responsabilidade Social e Calidade e de Persoal Docente e Investigador, Benita Silva e Carmen Fernández Morante, respectivamente; a profesora de Ciencias Económicas e Empresariais e integrante do xurado, Dolores Álvarez; e a coordinadora da Oficina de Igualdade da USC, Trinidad de Miguel. Na modalidade de Docencia e logo do premio para a profesora Ling, o segundo –dotado con 1000€- e o terceiro premio –dotado con 500€- recaeron en Carmen Franco Vázquez por ‘Arte: substantivo, feminino, plural’ e en ‘Novas estratexias de cooperación e innovación docente para a introdución da perspectiva de xénero na ciencia política’ de Marta Lois González, Isabel Diz Otero e Alba Alonso Álvarez. Neste capítulo, as propostas presentadas a concurso debían subliñar experiencias educativas innovadoras relativa á inclusión da perspectiva de xénero na docencia, realizadas no ámbito da institución docente compostelá nos últimos tres anos e que supoñan algún tipo de práctica susceptible de ser ampliada ou xeneralizada a outros contextos do ensino superior, tanto dentro como fóra da USC. Xa no eido da investigación, o premio destaca aqueles traballos de investigación desenvolvidos nos últimos tres anos arredor das relacións e roles de xénero dende o punto de vista educativo, psicolóxico, social, histórico, lingüístico, filosófico, biolóxico, sanitario ou xurídico así como aqueles traballos de calquera ámbito de coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipóteses, deseño de proxecto, metodoloxía ou implementación da investigación. Nesta categoría o seguro e o terceiro premio foi para os proxectos ‘Perfil da vítima de mobbing en Galicia. Especial atención ás diferenzas de xénero’ e de Mª Ángeles López Cabarcos, Paula Vázquez e Carlos Montes e ‘A traxectoria profesional das mulleres da área de ciencias experimentais e de tecnoloxía: análise das súas expectativas, valores e roles de xénero’ da que son responsables Ana Mª Porto, Cristina Abeal, Felicidad Barreiro, José Cajide, Milagros Couto, Mª del Carmen Gutiérrez, Mª Josefa Mosteiro e Elisa Zamora. Xurado O xurado encargado do ditame desta convocatoria estivo presidido pola vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, e integrado ademais pola coordinadora da Oficina de Igualdade da USC, Trinidad de Miguel; o subdirector do ICE, José Manuel Vez; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira; a catedrática Patrocinio Morrondo e as profesoras Mª Dolores Álvarez e Mª Teresa Moure. As gañadoras dos galardóns nas modalidades en Docencia e Investigación recolléronos este luns en San Xerome

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.10.2010.