Pasar al contenido principal

James Lovelock, Premio Fonseca 2009, visita a USC a vindeira semana

Líder do movemento ecoloxista, o científico británico foi pioneiro no desenvolvemento da conciencia medioambiental no mundo

James Lovelock (Hertfordshire, 1919), pioneiro no desenvolvemento da conciencia medioambiental no mundo, visitará a USC a vindeira semana para recoller o Premio Fonseca de comunicación da ciencia 2009 que convocan a Universidade compostelá e o Consorcio de Santiago e que na súa primeira edición recaeu en Stephen Hawking.
O pensador, intelectual e ambientalista británico estará en Santiago o 6 de outubro nunha xornada na que manterá un encontro cos medios de comunicación e se reunirá co reitor e o alcalde. Finalmente, ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia terá lugar a cerimonia de entrega do galardón na que o propio Lovelock pronunciará a conferencia ‘Cambio climático nun planeta vivente’ destinada ao público en xeral.
Ampla traxectoriaAutor da coñecida ‘Teoría de Gaia’ que postula que a Terra é como un superorganismo que se autorregula, a súa variada traxectoria científica queda ás veces oculta pola súa significación de líder ideolóxico e emblema do movemento medioambiental. Químico de formación, doutorouse en Medicina e entre os anos 40 e 50 desenvolveu investigación en centros pioneiros nos EE.UU. culminados na Universidade de Harvard.
Esa formación tan miscelánea levouno a unha nacente NASA en 1961. Alí creou e desenvolveu moitos dos instrumentos empregados no programa de investigación doutros planetas, con especial énfase en Marte. Precisamente na tarefa de pescudar métodos de detección de vida foi como se lle ocorreu a hipótese de Gaia.
A súa enorme popularidade oculta tamén a súa faceta como inventor (moi activa na sonda Viking, a primeira enviada pola NASA a Marte), na que destaca sobre todo coa invención do Detector de Captura de Electróns, clave en cromatografía de gases para detectar trazas de compoñentes químicos no seu seo, a uns niveis indetectables por outras técnicas.
Ese achado levou a outros fundamentais da investigación medioambiental, como o descubrimento da ubicuidade de residuos de pesticidas no planeta e, sobre todo, de CFC na atmosfera, que el mesmo fixo nos anos 60 sobre Irlanda e a principios dos anos 70 na Antártida. Logo de escoitar un relatorio de Lovelock acerca dos resultados, os norteamericanos Frank Rowland e Mario Molina continuaron o traballo e descubriron o grave perigo que o CFC entrañaba para a capa de ozono (o escudo do planeta fronte á radiación ultravioleta), traballo polo que lles foi concedido o Premio Nobel de Química en 1995. A posterior confirmación do burato de ozono nos Polos levou aos gobernos do mundo a prohibir o uso do CFC, na que é unha das principais iniciativas medioambientais tomadas a escala mundial. Por todas estas achegas ten recibido múltiples galardóns, en eidos que van dende a pura creación técnica ata a climatoloxía.
Líder ideolóxicoA súa posición de liderado científico, sobre todo na ciencia medioambiental, foi acompañada por un liderado pioneiro na creación de opinión pública, cuns efectos incalculables. Ese rol reforzouno a partir de finais dos anos setenta iniciando un labor divulgador máis directo coa publicación de libros claves no ideario verde. Sobre todo destaca Gaia: unha nova mirada á vida sobre a Terra, publicado en 1979, ao que lle seguirían outros moitos, todos cunha profunda pegada e récord de vendas.
Premio FonsecaO Premio Fonseca, enmarcado no Programa Conciencia, leva o nome dun dos fundadores da USC, persoeiro de capital importancia na conformación de Santiago como lugar de gran riqueza intelectual e científica e como foro de creatividade.
O xurado que por unanimidade decidiu o gañador nesta segunda edición estivo formado polo reitor da USC, Senén Barro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o director de programas do Consorcio, Xosé Denis; o director do programa Conciencia, Jorge Mira; o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla; o director da revista Muy Interesante, José Pardina; o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo; e o director do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, Ramón Núñez. Todos eles valoraron de Lovelock a súa “excepcional condición” de xerador de conciencia crítica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.09.2009.