Pasar al contenido principal

A USC e o Concello de Lugo fomentan o espírito emprendedor dos universitarios do campus

Traballarán tamén de xeito conxunto no programa de residencia de estudantes estranxeiros

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, e o alcalde de Lugo, José López Orozco, asinaron este martes dous convenios de colaboración para fomentar o espírito emprendedor dos universitarios e contribuír á integración social dos estudantes estranxeiros do campus lugués.
O primeiro dos acordos pretende promover entre os membros da comunidade universitaria a creatividade aplicada á empresa e a capacidade para xerar riqueza detectando oportunidades de negocio. Durante os dous anos de vixencia deste convenio, os novos emprendedores contarán coas ferramentas necesarias para a posta en marcha de iniciativas empresariais, coa axuda dos membros e das accións do Programa Uniemprende da USC e do Centro de Empresas e Innovación (o CEI-Nodus).
A USC comprométese a detectar aos emprendedores interesados en incorporarse a estes programas, ofrecerlles un asesoramento especializado e estudar de xeito preferente o apoio financeiro aos seus proxectos. Deste xeito, os membros da comunidade universitaria que presenten un proxecto viable para a creación e posta en marcha dunha iniciativa empresarial, terán acceso preferente ás instalacións do viveiro de empresas do CEI-Nodus, que porá ademais á súa disposición a experiencia dun equipo técnico que leva anos ofrecendo apoio a novas empresas.
Programa de residencia de estudantes estranxeirosA USC e o Concello de Lugo acordaron tamén colaborar no programa de residencia de estudantes estranxeiros na cidade durante o actual curso académico, co obxectivo de facilitarlles o acceso a unha vivenda axeitada ás súas necesidades nos diferentes barrios, con especial interese no centro histórico, así como favorecer a súa integración social.
A posta en marcha deste protocolo, que axuda aos posibles estudantes arrendatarios a buscar unha vivenda cunhas condicións óptimas de habitabilidade e axustada ás súas necesidades, ao tempo que lle facilita ao propietario do inmoble o seu arrendamento, comezará coa visita a unha serie de vivendas, adecuándose ao número de estudantes que manifesten o seu desexo de adherirse ao programa.
Para favorecer a integración social dos estudantes, e que se sintan como uns lugueses máis dende a súa chegada, faráselles tamén unha recepción conxunta no Concello e entregaráselles toda a información de interese para a súa estadía na cidade.
O Campus de Lugo acollerá este ano académico a máis dun cento de estudantes estranxeiros, a meirande parte a través do programa Erasmus. No actual cuadrimestre, son corenta os alumnos doutros países que estudan nas titulacións da cidade coas bolsas Erasmus, e que chegan de países como México, Brasil, Filipinas, Turquía, Polonia ou Kazajistán. As titulacións do sector forestal e agropecuario atraen a bo número de estudantes, especialmente de América Latina, onde estes estudos gozan dun grande prestixio.
O reitor da USC asegurou que os convenios asinados son a mostra de que a USC é “unha universidade moderna, dinámica e emprendedora que vai máis alá do que é a docencia e a investigación, xa que aposta dun xeito firme polo compromiso coa sociedade a través da internacionalización e o apoio directo á creación de empresas, un aspecto que a converteu xa en referente internacional”. Nos últimos anos, creáronse no Campus de Lugo 39 empresas, cunha media de tres persoas empregadas, e todas elas asentadas en nichos de actividade punteiros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.12.2009.