Pasar al contenido principal

A Facultade de Historia homenaxea a Haendel no 250 aniversario do seu pasamento

Cartel do ciclo ‘Catro visións de Haendel’
Cartel do ciclo ‘Catro visións de Haendel’
Co ciclo de proxeccións comentadas 'Catro visións de Haendel'

Cando se cumpren 250 anos da morte do compositor de orixe alemán Georg Friedrich Händel, a Facultade de Xeografía e Historia a través da Área de Música do seu Departamento de Historia da Arte quere renderlle unha homenaxe co ciclo de proxeccións comentadas ‘Catro visións de Haendel’, algunhas delas de difícil localización na actualidade.
Haendel, que xunto con Bach supón o cumio do barroco musical europeo e un dos puntos álxidos da Historia da Música universal, “non está a recibir un tratamento comparable” aos recentemente celebrados de Bach ou Mozart, “exceptuando a última edición do Festival Via Stellae”, denuncia o coordinador do ciclo, o profesor da USC Javier Garbayo.
É por iso que a Facultade compostelá convida a celebrar a Haendel “dunha maneira festiva”, escoitando algunhas das súas máis representativas composicións, abordadas en diferentes fórmulas que van dende a reconstrución musicolóxica ou o documental, pasando polo cine ata a “fascinante experiencia” da ópera gravada en directo. Todas as proxeccións terán lugar na Aula 15 da Facultade de Xeografía e Historia ás 19:00 horas.
Música AcuáticaSerá o documental ‘Händel´s Water Music’ o que o 3 de novembro dea comezo ao ciclo. Dirixido por Andrew Manze para a BBC en 2005, a cinta relata todo o un proxecto de reconstrución que levou a cabo a prestixiosa orquestra barroca londinense The English Concert sobre a Música Acuática escrita por Haendel en 1717 para acompañar un paseo do Rei Xurxo I polo Támesis.
Na reportaxe sorprende a exquisitez con que a música de Haendel é abordada en todos os aspectos que puideron influír na súa primeira interpretación, co fin de reconstruír o “ideal sonoro” dese momento. Interpretación con instrumentos orixinais do XVIII, reconstrución do barco que en movemento serviu de escenario para acompañar o paseo real, análise do son dos instrumentos ao aire libre e a súa percepción dende a ribeira e vestiario de época conflúen nun gran proxecto de reconstrución musicolóxica integral que será comentado polo catedrático de Historia da Música da USC, Carlos Villanueva.
Le messieXa o mércores, 4 de novembro, presentarase o filme ‘Le Messie’ no que William Klein se serve do famoso oratorio composto por Haendel no ano 1741 e estreado en Dublín para formular a vixencia da idea dun Mesías cara a fin do século XX, pero perfectamente asumible na actualidade.
Cun ritmo moi áxil, enchido de imaxes e situacións moi coloristas, a música de Haendel sirve de pretexto ao director americano para tratar temas tan variados como a presenza do Mesías na arte e nas tradicións relixiosas, a necesidade constante do ser humano de crer nun ser superior, o refuxio na relixión ante a desesperanza, as crenzas nos falsos ídolos, ou mesmo –e con moita crueza visual- a pregunta¿Onde está o Mesías ante o mundo convulso que vivimos?. A reportaxe ten, por tanto, unha clara compoñente social, incluíndo imaxes nas que ás veces aflora un fino sentido do humor ao lado da denuncia máis feroz. A sesión será presentada polo profesor Javier Garbayo Montabes.
Biopic sobre Haendel‘The great Mr. Handel’, a proxección do 10 de novembro, é un biopic dirixido en 1941 por Normal Walker. Trátase dunha rareza cinematográfica que será proxectada en versión orixinal (non subtitulada) onde se narra dende o punto de vista da ficción cinematográfica as circunstancias nas que Haendel compón e estrea O Mesías, nun momento no que xa deixara de ser o gran autor de óperas admirado polo público londinense. A película será presentada polo catedrático de Historia do cine da USC, Ángel Luis Hueso Montón.
A óperaPor último, o mércores 11 de novembro o presidente da Asociación Galega da Lírica e director do Festival Via Stellae, José Victor Carou, comentará a ópera Giulio Césare, obra cumio de Haendel e, indiscutiblemente, unha das óperas máis coñecidas do repertorio barroco que contén algunhas das arias virtuosas máis extraordinarias de todo o repertorio haendeliano (Va tacito, Se in fiorito ameno prato, V´adoro pupillo, Piangeró la sorte mía…).
Para a sua proxección escolleuse a versión filmada en directo en 2005 durante o Festival de Glyndebourne (Inglaterra) onde a un reparto con excepcionais cantantes baixo a dirección de William Christie únese una escenografía contemporánea que actualiza a lectura da historia, acompañada en moitos números de ballet.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2009.