Pasar al contenido principal

Un informe elaborado por investigadores da USC pon en valor o potencial dos concellos do Eixo Atlántico como axentes educadores

O informe presentouse ante a Comisión de Educación do Eixo Atlántico

Investigadores da USC presentaron o venres pasado en Compostela, no transcurso da xuntanza da Comisión de Educación do Eixo Atlántico, o informe ‘O Eixo Atlántico: un territorio educador, unha comunidade educativa’ que pon en valor o potencial educativo dos 34 concellos que o integran non só como contextos xeográficos e humanos, “senón e sobre todo como axentes educadores”, advirten os autores.
O estudo –diagnóstico e prospectivo– elaborouno un equipo de profesores e investigadores dirixido pola profesora da USC Belén Caballo Villar, vinculada ao Grupo de Investigación de ‘Pedagoxía Social e Educación Ambiental’ (SEPA-interea) do que é investigador principal o catedrático de Pedagoxía Social José Antonio Caride, quen tamén colaborou no informe xunto co bolseiro FPU Pablo Montero Souto. Xunto con eles, comparten a autoría os profesores Héctor Pose, da Universidade da Coruña; Américo Peres, da de Tras-os-Montes e Alto Douro; e Paulo Delgado, Ana Paula Marques e Rita Moreira, da Universidade do Minho.
Educación como elemento estratéxicoFacendo uso de distintas perspectivas metodolóxicas na obtención e análise da información dos 34 concellos, o informe comparte os principios e directrices da Carta Internacional das Cidades Educadoras e dun amplo elenco de declaracións e iniciativas que salientan o papel de educación como un elemento estratéxico do facer cívico, pedagóxico e democrático das Administracións Locais e, polo tanto, de actuacións políticas que poñen énfase nas cidades que educan e se educan na convivencia.
Con esta filosofía, o estudo desvela as potencialidades e as limitacións existentes en Galicia e no Norte de Portugal desde as perspectivas xurídico-legais, as políticas educativas municipais, as iniciativas e programas que se están desenvolvendo nos últimos anos, así como as “boas prácticas” e a súa aplicabilidade na Eurorrexión, etc. tendo como horizonte a sociedade das aprendizaxes, da información e do coñecemento.
Con perspectiva temporal de curtos, medios e largos prazos, o informe presenta 25 propostas de acción socioeducativa local para o Eixo Atlántico, moitas delas orientadas ao traballo en rede, de xeito cooperativo e transfronteirizo. Todas definen catro liñas prioritarias de actuación como son o artellamento e desenvolvemento da comunidade educadora eurorrexional; edición e difusión de recursos e materiais educativos; investigación educativa e estudos pedagóxicos eurorrexionais; e fomento da participación dos axentes educativos e sociais neste territorio.
Necesaria colaboraciónA necesidade de compartir e colaborar nos proxectos educativos en marcha ou de futuro, de deseñar e adoptar planos estratéxicos locais de acción educativa, de contribuír a unha mellora da calidade da educación ou de conciliar as relacións familia-escola son algunhas das propostas suxeridas no informe que, a xuízo dos autores, requirirán unha “aposta decidida” pola sociedade do coñecemento e da innovación, da creación e mantemento dun espazo educativo común, así como de proxectos educativos municipais, diferenciados nas vilas e nas cidades galegas e do norte de Portugal.
Nestas liñas de actuación, os concellos integrados no Eixo Atlántico do Noroeste peninsular, así como as dinámicas que no mesmo se veñen estimulando e promovendo nos últimos anos (consolidación dun sistema urbano sustentable, fomento do partenariado, aposta pola sociedade do coñecemento e da innovación, afianzamento dun espazo cultural común, etc.), poderán ser un “referente principal no conxunto ibérico e europeo”, tal e como xa trasladaron os autores do informe nun relatorio que presentaron no X Congreso Internacional de Cidades Educadoras celebrado en Saõ Paulo (Brasil) en abril de 2008.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.01.2009.