Un Coloquio Internacional analiza a relación entre os campus universitarios e as cidades nas que se emprazan
A relación entre os campus universitarios e as cidades nas que se emprazan será o obxecto de análise dun Coloquio Internacional que a USC organizará os vindeiros días 19 e 20 como parte das actividades organizadas dentro do Ano Rodríguez Cadarso.
Deste xeito, o Coloquio Internacional ‘Campus Universitarios e a súa integración na Cidade. O Campus Histórica da USC’ celebrarase no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, coa presenza de destacados especialistas e profesionais. Entre os temas a tratar, o programa inclúe dúas mesas redondas nas que se prestará atención ás novas funcións que deben atender os campus e como sobrevivir no futuro para evitar a súa desaparición como espazos de entidade propia.
O vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e o director xeral de Turismo, Rubén Lois, participarán o luns 19 no acto inaugural do coloquio, previsto para as 9:00 horas, dando paso de inmediato á conferencia que pronunciará o arquitecto da Oficina de Planeamento Alfonso Díaz Revilla sobre a influencia da Universidade de Santiago na planificación urbanística de Santiago de Compostela no período comprendido entre 1990 e 2008. O profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Cristóbal Crespo tomará a palabra deseguido coa intervención ‘A Residencia de Estudantes de Santiago de Compostela, arquitectura e contexto’. Para rematar a quenda da mañá, os asistentes realizarán unha visita guiada ao Patrimonio Histórico da USC.
‘As relacións Campus-cidade: futuro, supervivencia ou desaparición’ é o tema da mesa redonda que abrirá ás 16:30 horas a xornada da tarde. Nela intervirán o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández; o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi; o director da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, o arquitecto Ángel Panero; o catedrático de Botánica da USC, Jesús Izco; e o profesor Xosé M. Santos Solla. A primeira xornada do coloquio pecharase cunha visita á exposición ‘Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país’.
O arquitecto Pablo Campos Calvo-Sotelo falará o martes 20 sobre ‘Modelos universitario-urbanos ante o EEES: cara o Campus-Didáctico’, tema co que comezará a segunda xornada do coloquio na que o profesor Federico López Silvestre tamén pronunciará a conferencia ‘Paisaxes universitarias. Do deseño de campus ao campus de deseño’.
Logo dunha visita ao Campus SUR da USC pola mañá, a xornada da tarde abrirase coa segunda mesa redonda do encontro sobre novas funcións que deberían atender os futuros campus universitarios. Interveñen os profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Xosé L. Martínez e Fernando Agrasar; os profesores da USC Manuel Bermejo e José A. Aldrey; e a arquitecta Ruth Varela.