Pasar al contenido principal

Uxía abre o día 22 un novo ciclo Lubicán en Lugo, cun concerto no que presentará o seu disco 'Eterno navegar'

Uxía (esquerda), acompañada por Paloma Lugilde
Uxía (esquerda), acompañada por Paloma Lugilde
O programa desenvolverase todos os cuartos xoves de mes con actuacións de artistas galegos

A cantante galega Uxía abrirá o vindeiro día 22 o novo ciclo Lubicán en Lugo cun concerto no Circulo das Artes onde presentará o seu disco titulado ‘Eterno navegar’. Así o anunciou a propia artista na presentación do novo programa de actuacións que terán lugar na cidade ata finais de ano. Uxía estará acompañada por Quine, Xacobe Martínez, Santiago Cribeiro e Paulo Borges.
Dende agora, o ciclo desenvolverase todos os cuartos xoves de mes entre xaneiro e maio e entre outubro e decembro. Haberá representantes de estilos tan diversos como folk, rock, pop, jazz, canción protesta e cantautores, dentro do convenio Lugo Cultural, cos que se pretende achegar ao público lugués a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.
Nesta cita musical mensual, presentaranse varias formacións ante o público lugués. No mes de febreiro continuará co Trío Vaamonde. Ophiusa actuará en marzo e Abraham Boba, no mes de abril. O 21 de maio o Lubicán acollerá a presentación do novo traballo de Pepe Vaamonde, Intro Terra. Despois do verán, está prevista a actuación do grupo lugués Kentokaki, no mes de decembro, e que pecharán o ciclo.
Este ciclo foi presentado polos representantes das cinco entidades que integran o Convenio Lugo Cultural, a Vicerreitoría de Cultura da USC, con Elías Torres; o Concello de Lugo, coa concelleira Concepción Burgo; a Xunta de Galicia, co delegado de Cultura Xoán Xosé Molina; a Deputación Provincial, co asesor técnico de Cultura e Deporte Eduardo Fernández Abel, e a Fundación Caixa Galicia, co seu xerente Sinesio Pérez.
A intención de Lugo Cultural con este ciclo é ofrecer estabilidade á programación atendendo sempre á diversidade, tal e como comentou o vicerreitor.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.01.2009.