Pasar al contenido principal

Calidade da docencia, eficiencia na xestión e relacións coa sociedade, eixos estratéxicos do novo mandato de Juan Lema ao fronte da ETSE

O reitor e Juan Lema, xunto coas profesoras María José Carreira e María Teresa Moreira que completan o equipo de dirección
O reitor e Juan Lema, xunto coas profesoras María José Carreira e María Teresa Moreira que completan o equipo de dirección

Contribuír á formación integral, nun entorno estimulante, de innovación e de relacións humanas, de enxeñeiras e enxeñeiros comprometidos co desenvolvemento da sociedade, baixo principios éticos, de solidariedade e de sustentabilidade. Así definiu o profesor Juan Lema Rodicio a “razón de ser” da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE) no acto protocolario de toma de posesión como director do centro, cargo no que repite mandato, e que presidiu o reitor Senén Barro. As profesoras María José Carreira Nouche e María Teresa Moreira Vilar completan o cadro de dirección da Escola.
"Queremos que se nos recoñeza como un centro de prestixio en docencia e investigación”, cunha oferta de calidade en grao e posgrao e preocupada pola inserción laboral dos seus titulados, subliñou Lema ao referirse ao documento recentemente aprobado pola Xunta de Escola que define a misión institucional da ETSE. Trátase dunha declaración de intencións “do que creemos que debemos facer e o que creemos que debemos ser”.
Calidade da docencia, xestión eficiente e relacións coa sociedade son os tres eixos estratéxicos que guiarán o labor do equipo de Lema Rodicio quen entende “a nova organización dos estudos” que vai requirir a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior como “unha extraordinaria oportunidade para reformular o noso traballo, buscando fórmulas novas e eficaces”. O obxectivo é ofrecer “estudos con personalidade propia e, a ser posible, referenciais”.
O director da ETSE destacou o bo punto de partida para acadar ás metas propostas, “Enxeñaría Química foi considerada por terceiro ano consecutivo entre as cinco máis destacadas de España” e a titulación de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas “ten a nota de acceso máis elevada de todos os Centros de Informática de España”.
O traballo a prol da regulación das profesións nos ámbitos da enxeñaría dende a Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Química, que o profesor Lema preside, tamén estivo presente neste acto protocolario. Así, lembrou que as iniciativas impulsadas están dando “os primeiro froitos relevantes” como o acordo do Consejo de Universidades para a estruturación dos estudos, homologados ao resto das enxeñarías. “É a primeira vez que nun documento público –explicou o director- aparecen claramente identificadas as profesións de enxeñeiro técnico informático, enxeñeiro informático e enxeñeiro químico”.
Nun centro no que “case a metade dos nosos estudantes” realizan parte da súa carreira noutros centros “Europa é un reto”. A capacidade para “inserirnos nela e de buscar e conseguir proxectos conxuntos con outras universidades é vital”, concluíu Juan Lema.
Pola súa banda, Barro subliñou a sensibilidade da ETSE para adaptarse permanentemente ás esixencias que tanto dende a propia universidade como dende o conxunto da sociedade van xurdindo, así como para manter un compromiso co mundo profesional e coa xestión eficaz.
Juan LemaCatedrático de Enxeñaría Química da USC, foi ademais director do Departamento de Enxeñaría Química (1991-2000) e director da titulación propia en Enxeñaría Ambiental (2000-06). É o responsable do grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos dende 1986, considerado como “Grupo de Referencia Competitivo” da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia.
Ten dirixido 38 teses de doutoramento, publicado máis de 200 traballos de investigación en revistas internacionais (factor H de 26) e presentado máis de 100 relatorios convidados e comunicacións en congresos nacionais e internacionais. Foi conferenciante en universidades de España, Europa e América, sendo ademais profesor visitante de varias delas. Foi o primeiro director do Centro de Transferencia de Tecnoloxía da USC e experto da ONUDI (Organización de Nacións Unidas para o Desenvolvemento Industrial) na área de enxeñaría ambiental.
No eido investigador participou en dez proxectos europeos, coordinador para España de dous acciones COST, dous proxectos CYTED, un proxecto Life, dez proxectos do Plan Nacional de Investigación e oito proxectos financiados pola Xunta de Galicia, ademais de diversas accións integradas con grupos de Portugal, Israel, Alemaña, Italia, Chile e México. Actualmente coordina o proxecto Novedar_Consolider, no que participan once grupos de investigación españois e holandeses.
No campo da transferencia de tecnoloxía a empresas realizou máis de 40 proxectos relevantes, no campo de tratamento de efluentes de industrias de conservas de produtos mariños (Conservas Isabel de Galicia, Calvo, Friscos, Connorsa), acuicultura (Insuíña), tableiros de fibras (Tafisa, Finsa), doutras augas industriais (Endesa, Foresa), en deseño de plantas de tratamento (Espina y Delfín, Cida Hidroquímica, Codesa, Idom, 3R Ingeniería) e en produción biotecnolóxica de enzimas (Abiasa, Cavisa) ou de Bioetanol (Bioetanol Galicia).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.03.2009.