O investigador Ambrósio Ferreira, cuarto convidado do Café Científico
Oprofesor da Universidade Federal de Viçosa (Brasil) e visitante na de Santiago, José Ambrósio Ferreira Neto, será o encargado de abrir este venres 6 o cuarto Café Científico meeting Point en Lugo para tratar a reforma agraria e o medio ambiente en Brasil. Será no Café do Pousadoiro, na rúa Pascual Veiga, ás 19:00 horas.
Ferreira Neto é coordinador do proxecto ‘Assentamentos’ de incentivación do programa de reforma agraria e de mellora da calidade de vida dos traballadores rurais.
Esta iniciativa celébrase cada primeiro venres de mes e trata temas científicos de actualidade buscando abrir un novo espazo de comunicación entre o mundo da investigación e a sociedade, acercando a ciencia aos cidadáns para facela intelixible. Así, o café estará aberto a todos os interesados e buscará comunicar directamente e debater de forma aberta e próxima sobre ciencia, rompendo as distancias que crean outros foros de debate.
Esta actividade divulgativa está organizada pola sección ibérica da sociedade científica Sigma X, The Scientific Research Society, e coordinada polo seu presidente, Urbano Fra, tamén profesor da USC.