Pasar al contenido principal

A Maratona Fotográfica do Campus reúne unha vintena de afeccionados este martes en Lugo

A décimo quinta edición da Maratona Fotográfica do Campus reunirá este martes 17 unha vintena de participantes que durante todo o día percorrerán Lugo tomando fotos coas súas cámaras. O concurso está organizado por Lugo Cultural.
Os inscritos deberán presentarse ás 10:00 horas deste martes na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, onde se lles darán as instrucións sobre a competición, se lles entregará as películas coas que deben facer as fotos e se lle comunicarán os dous temas que impón a organización. Os participantes contan con 24 horas para realizaren as súas fotografías, polo que deberán entregar os carretes ao día seguinte, o mércores 18.
Participarán tanto con cámara dixital como analóxica e establécense varios premios, entre eles o Carlos Valcárcel, para a mellor fotografía feita por universitarios ou participantes no espazo fotográfico do Campus. Este premio xurdiu o ano pasado como homenaxe a un dos mellores fotógrafos que ten a cidade e estará dotado con 236 euros.
Así mesmo, haberá premio de 120 euros para a mellor fotografía de cada tema, modalidade analóxica e dixital; outros 120 euros para a mellor fotografía de tema libre, dentro da modalidade analóxica; e 206 euros para a película de nivel medio máis alto, modalidade analóxica. Os requisitos para acadar este premio baséanse na exposición correcta das fotos, na variedade dentro dos temas propostos e na creatividade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.03.2009.