Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno da USC aproba o límite de prazas e o calendario académico para o vindeiro curso

Tanto para as titulacións de Grao como para licenciaturas e diplomaturas que impartirá en 2009-2010

O Consello de Goberno aprobou este mércores o límite de prazas tanto para as titulacións de Grao como para licenciaturas e diplomaturas que a USC impartirá en 2009-2010. Trátase dun documento flexible que se aplicará na medida en que se implanten as novas titulacións previstas.
No caso dos Graos, non terán límite Matemáticas, Física, Filosofía, Lingua e Literatura Españolas, Lingua e Literatura Galegas, Lingua e Literatura Inglesas, Lingua e Literatura Modernas, Filoloxía Clásica, Administración e Dirección de Empresas e Relacións Laborais e Recursos Humanos, as dúas últimas de Lugo. O límite nas prazas afectaría aos Graos en Bioloxía (150), Psicoloxía (150), Química (125), Ciencia Política e da Administración (100), Xornalismo (100), Comunicación Audiovisual (40), Xeografía e Ordenación do Territorio (50), Historia da Arte (80), Historia (100), Administración e Dirección de Empresas en Santiago (300), Economía (125), Pedagoxía (75), Educación Social (75), Enfermaría (150), Enxeñaría Informática (60), Relacións Laborais e Recursos Humanos en Compostela (100) e Enfermaría de Lugo (75).
Xa no relativo ás licenciaturas e diplomaturas diminúe lixeiramente o límite nas titulacións de Enxeñaría Química e en Mestre nas especialidades do Campus de Lugo de Educación Física, Infantil, Primaria e Lingua Estranxeira. Por contra, pasan a ter límite os segundos ciclos da Licenciatura en Química (5 prazas) e da Enxeñaría Técnica en Química Industrial (9).
Calendario e residenciasNa mesma xuntanza aprobouse o calendario académico do vindeiro curso, que comezará o 21 de setembro de 2009 nas titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior e o 1 de outubro no resto. En ambos os dous casos as clases rematarán o 7 de xuño. Como novidade, nos novos estudos oficiais de graos e máster desaparece a convocatoria de exames de setembro, que se adianta á primeira quincena do mes de xullo.
Noutra orde de cousas, serán 1.110 as prazas que a USC ofertará o vindeiro curso no seu Servizo Universitario de Residencias. Todas elas adxudicaranse en función do expediente académico e da renda persoal dispoñible, oscilando os prezos entre os 45 e os 286 euros.
Honras e licenciasO Consello de Goberno aprobouse ademais o regulamento das figuras honoríficas de profesor e investigador Ad Honorem da USC, que se adxudicarán a aquelas persoas de relevante prestixio profesional no seu campo que colaboren desinteresadamente en actividades formativas e/ou investigadoras da institución Compostela, e corrixiuse un erro na normativa de concesión de licencias por ano sabático, de maneira que agora xa se contempla a posibilidade de adxudicar unha por cada área de coñecemento en lugar dunha soa por departamento.
RPT de PDI e PASTamén o Consello deu o visto bo á modificación da Relación de Postos de Traballo do PDI e do PAS. Logo de aprobarse o decembro pasado o novo convenio colectivo do PAS da USC era obrigado facer algunhas adaptacións, como son a modificación dos pluses de posto de traballo da categoría de conductores, a integración no ámbito do convenio colectivo do profesorado do Centro de Linguas Modernas e a supresión da dispoñibilidade horaria asignada aos postos base do grupo I.
Outros asuntosEntre outros asuntos aprobados na xuntanza figuran a convocatoria de prazas da Escola Infantil Breogán, o I Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e home, a convocatoria de axudas á cooperación cultural e ciclos culturais e novos cursos de posgrao propio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.03.2009.