Comeza na USC o encontro sobre a educación ambiental orientada dende a participación social
A preocupación da USC polos temas de carácter ambiental queda patente no seu Plan de Desenvolvemento Sostible e coa creación, hai xa cinco anos, dunha oficina específica. Dada a importancia dos problemas ambientais que hoxe afronta o mundo, a USC pretende optimizar o esforzo por aumentar a educación, a divulgación e a participación neste ámbito cunhas xornadas a celebrar a partir deste venres 27 e ata o domingo en Santiago.
No encontro, organizado conxuntamente pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible e o Servizo de Participación e Integración Universitaria, analizarase a complexidade dos problemas ambientais, estreitamente relacionados cos sociais e económicos, e como estes se poden afrontar no ámbito local de maneira coherente e coordinada.
Búscase ofrecer una ampla visión de todo o abano de posibilidades de participación e educación no eido ambiental, aproximarse á realidade en canto ao desenvolvemento de traballos realizados dende a iniciativa social e das institucións educativas no apartado ambiental e, á vez, estimular a creación de novos proxectos, programas ou organizacións de voluntarios ambientais dentro da USC.
ProgramaAs xornadas inaugúranse este venres 27 ás 9:30 horas para dar paso á primeira charla sobre o movemento ecoloxista en Galicia a cargo de Miguel Pardellas, coordinador de proxectos da SGEA e membro de Verdegaia e Ecoloxistas en Acción. Seguiranlle dúas intervencións máis sobre o voluntariado ambiental nas Universidades. Xa pola tarde, ás 16:00 horas, Francisco Sóñora presentará o Proxecto de educación ambiental Climantica que el mesmo dirixe.
Nos numerosos relatorios e talleres participarán membros de asociacións ecoloxistas e expertos de Universidades internacionais, rematando o encontro o domingo cunha xornada dedicada enteiramente ao voluntariado en defensa do monte galego posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.