Darwin, 200 anos de actualidade
A evolución de todos os organismos a partir dun antepasado común e a selección natural como engrenaxe da evolución son dúas das ideas coas que Darwin propiciou unha revolución cuxos efectos teñen transcendido a todos os ámbitos de coñecemento e ao paso do tempo para aínda hoxe seguir alimentando debates.
Cando se cumpren 200 anos do seu nacemento e 150 da publicación da súa obra cúmio A orixe das especies, a USC sumarase en 2009 á conmemoración do Ano Darwin, cun abano de actividades acubilladas baixo o lema ‘Darwin e a evolución’, no que se mesturarán conferencias, mesas redondas, ciclos de cine e música, a edición de dous volumes e unha exposición interactiva na que se afondará na incidencia do pensamento evolutivo en Galicia.
A programación prevista presentouna en rolda de prensa este mércores 11 o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, acompañado da subdirectora xeral da Dirección Xeral de I+D+i, Xulia Guntín; o decano da Facultade de Bioloxía, Jaime J. Gómez; do catedrático de Edafoloxía e Premio Nacional de Pensamento e Cultura Científica, Francisco Díaz-Fierros e a coordinadora de Apoio á Investigación nas áreas de Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, Helena de Carlos.
A capacidade de impregnar a toda a comunidade científica e á sociedade tanto da época como a posterior, é un dos fitos sobre os que o vicerreitor Elías Torres xustificou a pertinencia desta conmemoración. O abano de iniciativas propostas pola USC teñen no seu conxunto unha mesma vontade “falar de ciencia, de sociedade e de vida”, para o que se propoñen actividades que favorezan a divulgación científica pero tamén o debate. No seu conxunto, o programa evidencia “a falta de fronteiras precisas entre ámbitos e a necesidade de facer prácticas colaborativas entre distintos campos”.
ConferenciasO profesor de Historia Medieval da Universidade de Boston, Thomas Glick, iniciará o 3 de marzo o ciclo de conferencias programada disertando sobre ‘O pensamento evolutivo en Novoa Santos’. Este será o punto de partida dunha serie de intervencións que traerá a Santiago entre os meses de marzo e novembro a expertos como Juan Luis Arsuaga, Ginés Morata, José Luis Sanz, aos que tamén se engaden os investigadores da USC Marcos González, Luis Rodríguez Camarero e Gonzalo Álvarez.
Este abano de expertos porá luz en temas diversos como os albores do darwinismo, o que supuxo a revolución darwiniana ou a relación entre fósiles, cultura e historia da vida ou entre xenes, desenvolvemento e evolución, entre outros asuntos.
Mesas redondas‘Darwinismo en Galicia’ é o lema da primeira das mesas redondas que se vai celebrar ao abeiro deste ciclo. Prevista para o 12 de marzo e moderada polo profesor Marcial Gondar, seguiranlle outras dúas sobre ‘Darwinismo e sociedade’ e ‘Creacionismo vs evolucionismo’.
No derradeiro trimestre do ano, están previstas outras dúas mesas nas que os debates de expertos xirarán ao redor da relación entre xenoma humano e evolución e sobre as fronteiras e controversias da teoría evolutiva.
Ciclo de cineUn total de catro son as propostas que se inclúen no apartado dedicado ao cine nesta programación. Trátase de ciclos que incidirán na evolución da técnica no cine, da imaxe da raza negra no cine norteamericano ou da imaxe de Galicia no cinema. Finalmente, está prevista unha sesión na que se proxectará e debaterá ao redor do filme 2001: Unha odisea do espazo.
MúsicaA evolución do ensino musical dende comezos do século XIX ata o primeiro terzo do XX e a introdución en España das novas correntes musicais será obxecto de análise no mes de maio no primeiro dos dous ciclos musicais programados para este ano.
A segunda das audicións previstas, xa en novembro, leva por lema ‘Jesús Bal y Gay: unha das figuras musicais da florecente etapa da cultura española nos anos vinte. Audicións en torno ao ‘Cancioneiro galego’.
Finalmente, a figura de Darwin e a influencia do seu pensamento en Galicia ocupará o seu propio espazo expositivo nunha mostra programada para finais de ano así como en dous novos volumes que se van editar especificamente.