Pasar al contenido principal

O ministro de Educación da Cidade de Bos Aires visitou a USC

Lourenzo Fernández Prieto e Mariano Narodowski
Lourenzo Fernández Prieto e Mariano Narodowski
Mariano Narodowski reuníuse co vicerreitor, Lourenzo Fernández Prieto

O ministro de Educación da Cidade de Bos Aires (Arxentina), Mariano Narodowski, reuniuse este xoves no Colexio de San Xerome co vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, para, entre outros asuntos, buscar novas vías de colaboración e afianzar as xa existentes no referido ao intercambio de estudantes e docentes.

O político bonaerense e o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela falaron dos sistemas educativos de Galicia e de Arxentina, da investigación, da autonomía universitaria e da emigración. Precisamente referente a este último tema, coincidiron en sinalar a importancia da creación en Galicia dun museo da emigración, como “contribución ao coñecemento da historia”. Tamén se referiron as bolsas de estudo, interesándose polo incremento das mesmas para que estudantes de centros de ensino de Buenos Aires podan comezar estudos na Universidade galega.

Narodowski é un académico, docente e investigador dedicado ao campo da pedagoxía e as políticas educativas. Nado na Cidade de Bos Aires en 1961 foi mestre en varias escolas públicas de zonas pobres bonaerenses. É licenciado en Pedagoxía e doutor en Educación, obtendo en 2002 a Bolsa Guggenheim, da John Simon G. Guggenheim Memorial Fundation. Foi ademais director da área de Educación da Universidade Torcuato Dei Tella e vicerreitor de Investigacións da Universidade Nacional de Quilmes, ademais de presidente da Sociedade Arxentina de Historia da Educación.

Publicou centos de artigos en revistas científicas e de divulgación e escribiu catorce libros, entre os que destacan A desorde da educación. Ordenado alfabeticamente (2004) e Dor de Escola (2006), sendo o máis coñecido Infancia e Poder, no que traza unha historia dos discursos pedagóxicos na modernidade.

As súas liñas de interese investigador céntranse na historia e as políticas educativas comparadas e a súa aplicación en contextos socioeconómicos desfavorables. Especializouse en problemas de xustiza educacional, dirixindo nesas áreas proxectos de investigación, teses e proxectos de reforma para mellorar a institución escolar.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.02.2009.