A novena edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores repartirá 22.000 euros en premios
Un total de 22.000 euros e outros 24.000 de financiamento mediante préstamo participativo serán as cantidades que se poderán repartir os universitarios e investigadores galegos que acaden os premios do noveno Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, convocado pola Universidade compostelá a través do seu programa de fomento da cultura emprendedora Uniemprende.
O concurso contempla cinco categorías diferenciadas, a mellor dotada a de Base Tecnolóxica cun primeiro premio de 9.000 euros e ata 24.000 euros de financiamento participativo e un segundo de 5.000 euros. Os premios á Empresa Xove, Muller Emprendedora, Proxecto Medioambiental e o do Proxecto con Sensibilidade Social completan a convocatoria con 2.000 euros cada un.
Co obxectivo de impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados ou investigadores e da innovación empresarial e a xeración de emprego, o xurado encargado de xulgar os proxectos prestará especial atención á súa viabilidade; grao de innovación do produto, proceso ou servizo; volume de emprego proxectado; carácter multidisciplinario do equipo de promotores; e atención ás políticas de igualdade.
A convocatoria está aberta tanto a estudantes e titulados de calquera das tres universidades galegas como do centros asociados da UNED en Galicia con independencia da área de coñecemento que individualmente ou en equipo teñan un proxecto empresarial innovador con potencialidade para converterse nunha empresa. Tamén poderán concorrer doutores, doutorandos, persoal de investigación e alumnos de terceiro ciclo que traballen en calquera centro de investigación galego, así como empresas xa constituídas ao longo do ano 2008 por promotores co perfil descrito.
As persoas interesadas, que disporán de prazo ata o 27 de febreiro, deberán presentar xunto co currículo dos promotores unha memoria descritiva do proxecto na que conste o título, sector ao que pertence, produtos ou servizos ofertados, análise da competencia, plan comercial e de marketing, recursos humanos, plan de investimentos e financiamento e conta de resultados, sempre tendo en conta un horizonte temporal de cinco anos.
Para acadar máis información, está dispoñible a web: http://www.uninova.org/ga/eventos.asp?id=65