Pasar al contenido principal

A USC lembra o labor de salvagarda do patrimonio cultural galego do arquitecto Fracisco Pons-Sorolla

Durante a posguerra, os bens patrimoniais de Galicia -entre eles de xeito destacado o Camiño de Santiago- asisten a un intenso ritmo de intervencións para explotar, sobre todo, os seus valores turísticos. O principal autor destas campañas é o arquitecto Francisco Pons-Sorolla, que dirixiu a actividade restauradora de monumentos e ordenadora de conxuntos históricos entre os anos 1945 e 1985 e ao que, ata o momento, non se lle recoñeceu a súa contribución á salvagarda do Patrimonio Cultural de Galicia.
Por esta razón, a Vicerreitoría de Cultura da USC colabora coa Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo na produción da mostra Os “Náufragos” de Galicia. O labor do arquitecto Francisco Pons-Sorolla, que se inaugurará o xoves 26 ás 19:00 horas no Colexio de Fonseca.
A partir de obxectos persoais, documentos de traballo, fotografías, planos e bosquexos a exposición propón un percorrido polos seus criterios de actuación diferenciando tres bloques ao redor da figura de Pons-Sorolla, dende as cuestións máis xerais de presentación e contextualización ata a achega singular deste arquitecto, pasando, para este último punto, polos casos paradigmáticos do seu persoal modo de intervención.
A mostra poderase visitar ata o 12 de abril de martes a sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.02.2009.