Pasar al contenido principal

O catedrático da USC Justo Beramendi, premio Nacional de Ensaio e da Crítica de Galicia 2008

Primeiro chegou o Premio da Crítica de Galicia 2008 na categoría de investigación. Meses despois sumaríaselle o Nacional de Literatura na modalidade de Ensaio do mesmo ano concedido polo Ministerio de Cultura. Os dous galardóns teñen en común un único protagonista, a obra en galego De provincia a nación. Historia do galeguismo político do catedrático de Historia da USC, Justo Beramendi.
Ao longo de 1.200 páxinas, o fío condutor desta obra é un percorrido polas distintas manifestacións adoptadas polo galeguismo, dende o provincialismo do XIX, pasando polo rexionalismo, a Restauración, a Segunda República ou a ditadura. O feito de que obra non estea traducida ao castelán e fose merecedora dun premio nacional non deixou de sorprender ao catedrático da USC, porque “que se considere a todos os idiomas iguais para un premio deste ámbito é algo moi importante”, sinalaba Beramendi en referencia á consecución do Premio Nacional de Ensaio.
O nacionalismo galego do século XX é un dos obxectos de estudo centrais desta recoñecida obra, da que o autor aclara que non se trata dun ensaio senón dun libro de historia. Á vista da singular viaxe, Beramendi considera que “o nacionalismo galego hoxe está estancado” destacando o grao de influencia que o catalán podería ter “para a estabilidade na unidade do Estado”.
O catedrático de Historia tamén subliña que a participación do nacionalismo galego no Goberno da Autonomía fai que pareza que está “máis forte”, aínda que engade “en realidade, descendeu en apoios, deputados e eu creo que se atopa nunha tesitura difícil”. En conxunto opina o experto que existe o risco de que este movemento permaneza “enquistado no seu papel de acólito do socialismo en Galicia e non pasar de aí”.
Na actualidade os movementos nacionalistas deben moverse nun Estado das Autonomías que supuxo “un avance insuficiente” no proceso a prol de solucionar as tensións nacionais, e o problema “nunca se vai resolver de todo” porque “estamos condenados a vivir con estas tensións moitísimo tempo”. Tomando como referencia límites xeográfico continentais o feito de que un Estado sexa totalmente independente despoxouse de parte de senso no marco da Unión Europea.
Justo Beramendi Co fundador do Museo do Pobo Galego e presidente da súa xunta rectora, Justo Beramendi (Madrid, 1941) é catedrático de Historia Contemporánea da USC. Participou na posta en marcha das revistas Negaciones, A Trabe de Ouro e Tempos Novos e foi membro da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco.
Entre as súas obras destaca Miseria de la Economía (1974), Vicente Risco no nacionalismo galego (1981), Galicia e a historiografía (1993), Manuel Murguía (1998), Alfredo Brañas no rexionalismo galego (1998), La historia política: algunos conceptos básicos (1999), La España de los nacionalismo y las autonomías (2001), e Autonomía de Galicia (2005).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.02.2009.