Pasar al contenido principal

A USC, punto de referencia esta semana no eido da neurociencia e computación

O congreso internacional IWINAC 2009 dedícase á memoria do profesor José Mira

As principais novidades relativas as interrelacións entre neurociencia e computación serán obxecto de estudo no congreso internacional IWINAC 2009 (International Work-Conference on the Interplay between Natural and Artificial Computation) que se vai celebrar esta semana, do 23 ao 26 de xuño, na Facultade de Ciencias da Comunicación. O evento dedícase á memoria do profesor José Mira, falecido o pasado agosto.
O encontro inaugurarase este martes, día 22, ás 9:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación coa asistencia do reitor Senén Barro; do presidente do comité organizador de IWINAC, do profesor da Universidade Politécnica de Cartagena José Manuel Ferrández; do director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Uned, Roberto Hernández; e do alcalde de Pinoso, José Mª Amorós Carbonell, que lle fará entrega in memorian da medalla de ouro da cidade a J. Mira.
No congreso abordaranse aspectos relacionados coa neurociencia computacional, computación bio-inspirada e outras formas de computación natural. Tamén se inclúe un amplo apartado sobre aplicacións da computación natural e a intelixencia artificial en enxeñaría, medicina, robótica e bio-tecnoloxía.
Todo, co obxectivo de responder a dúas cuestións básicas: como poden a Física, as Matemáticas, a Enxeñaría, a Computación, a Intelixencia artificial (AI) e a Enxeñaría do Coñecemento contribuír ao entendemento do Sistema Nervioso, dos Procesos Cognoscitivos e do Comportamento Social? e como poden esas mesmas atopar inspiración no comportamento e no funcionamento interno de sistemas físicos, biolóxicos e sociais para concibir, desenvolver e construír novos conceptos, materiais e mecanismos de valor potencial en verdadeiros usos mundiais?.
Homenaxe a José MiraPara responder a esas preguntas está prevista a asistencia de científicos de Estados Unidos, Inglaterra, Francia, Alemaña, Holanda, China Xapón, Suíza, Brasil, Chile e España, cunha destacada presenza de expertos en intelixencia artificial xa que na xornada deste martes 23 o congreso honrará nunha sesión extraordinaria a memoria de José Mira.
O doutor Mira, académico e investigador de gran prestixio internacional, é impulsor da investigación en Neurociencia e Enxeñaría do Coñecemento en España. Os resultados do seu traballo na USC sementaron o xerme do que hoxe é o Departamento de Electrónico e Computación e os estudos de informática.
A homenaxe será xusto despois do acto inaugural. Intervirán nela, de 9:30 a 11:00 horas, o reitor Senén Barro; o director do Instituto Universitario de Ciencias e Tecnoloxías Cibernéticas da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, Roberto Moreno Díaz; o profesor da Universidade de Murcia Roque Marín Morales; e os catedráticos da Politécnica de Cartagena, Ramón Ruíz Merino; da USC Diego Cabello Ferrer; de Málaga Francisco J. Ríos Gómez; de Estremadura Francisco J. López Aligué; e de Lisboa (Portugal) José L. Simões Da Fonseca.
O encontro organízao o Grupo de Sistemas Intelixentes do Departamento de Electrónica e Computación en colaboración coa UNED e a Universidade Politécnica de Cartaxena.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2009.