Pasar al contenido principal

Os problemas ambientais do século XXI, a debate nas VI Xornadas Galegas de Educación Ambiental

'eduambiengal`09' desenvólvese no Instituto Rosalía de Castro de Santiago entre os días 25 e 27 de xuño

O Taller de Educación Ambiental do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC desenvolve dende este xoves 25 e ata o sábado 27 as VI Xornadas Galegas de Educación Ambiental ‘eduambiengal`09’ que se celebrarán no Instituto Rosalía de Castro de Santiago. A inauguración, á que asiste o reitor Senén Barro, terá lugar ás 16:30 horas.
Nesta sexta edición, cuxo responsable é o catedrático de Química Inorgánica Manuel R. Bermejo Patiño, perséguese resituar os problemas ambientais do século XXI e as tendencias, posibilidades e límites da educación ambiental, coñecer e debater os avances no deseño e implementación de Estratexias de Educación Ambiental e ofrecer un foro de intercambio de experiencias e divulgación de actuacións no ámbito galego.
Para isto están programadas tres conferencias plenarias a cargo do profesor da Facultade de Económicas da Complutense de Madrid e director executivo do Observatorio da Sustentabilidade en España (OSE), Luís Jiménez Herrero; o catedrático de Pedagoxía Social e director na USC do grupo de investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación Ambiental), José A. Caride Gómez; e o profesor de Filosofía Moral na Universidade de Barcelona e membro da asociación CIMA (Científicos polo Medio Ambiente), Jorge Riechman.
Nas mesas redondas abordarase o desenvolvemento das Estratexias de Educación Ambiental coa presenza de responsables institucionais dos gobernos de Andalucía, Navarra e Cataluña; así como a visión que da actualidade da Educación Ambiental en Galicia se ten desde diversos movementos sociais e empresariais (FEGA, SGEA, CEIDA, Taller EA-ICE, Ventos).
Nas Xornadas, que contan coa participación de profesorado, educadores, técnicos da administración local e autonómica, membros de movementos sociais ambientalistas e estudantes, expoñeranse un total de setenta comunicacións e pósteres que dan conta das experiencias educativas, e de divulgación e xestión neste ámbito. Están organizadas en tres seccións simultáneas que se corresponden coa educación ambiental nas institucións escolares, nos movementos sociais e no marco das institucións públicas.
No transcurso das xornadas contarase cunha mostra da educación ambiental na que participan diversas entidades públicas e privadas (CSIC, CEIDA, aulas de natureza, empresas...) e dúas exposicións arredor do cambio climático.
Taller de Educación AmbientalComposto por profesionais do ensino de diferentes especialidades e niveis, o Taller de Educación Ambiental desenvolve desde 1988 actividades, estudos e campañas co obxectivo de promover a incorporación da educación ambiental no ensino, difundir a problemática e participar activamente no debate arredor do desenvolvemento sostible.
O traballo estrutúrase anualmente en función de temas monográficos -auga, residuos, enerxía, parques naturais, ecoescolas, consumo- sobre os que se desenvolven actividades formativas e de divulgación. Ao tempo compaxínase a actividade anual coa organización de eventos como o Congreso Internacional de Estratexias e Prácticas en Educación Ambiental (1996), a participación na elaboración da Estratexia Galega de Educación Ambiental (2000) ou a campaña de promoción da reciclaxe de papel na USC.
Coa súa creación xurde a Sección Ambiental na biblioteca do ICE dotada con máis de mil monografías, revistas, vídeos, carteis, folletos, informes e outros variados materiais con información medioambiental de todo o mundo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.06.2009.