Pasar al contenido principal

A comunidade de montes veciñais en man común de San Miguel de Orbazai cédelle á Politécnica de Lugo 84 hectáreas para actividades docentes

Momento no que Carlos Herrero (centro) e Pablo González formalizan o compromiso de colaboración das dúas entidades. Á dereita, Javier Bueno
Momento no que Carlos Herrero (centro) e Pablo González formalizan o compromiso de colaboración das dúas entidades. Á dereita, Javier Bueno

A comunidade de montes veciñais en man común de San Miguel de Orbazai acordou cederlle á Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo 84 hectáreas para prácticas e actividades docentes relacionadas coas titulacións que se imparten no centro lugués, segundo un convenio asinado entre as partes.
Tanto o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, como o director da EPS, Javier Bueno, expresaron o seu profundo agradecemento aos propietarios da comunidade de Montes de San Miguel de Orbazai en xeral, e en particular aos membros da súa xunta rectora, Pablo González, José María Real e Ángel Seijo, pola súa boa disposición e total colaboración coa dirección da Escola Politécnica Superior de Lugo.
Os montes cedidos, que se dividen en catro parcelas, presentan unhas condicións axeitadas par servir como montes de prácticas da EPS debido á súa proximidade ao Campus, 5 quilómetros. Os terreos teñen ademais outras condicións moi favorables para servir como montes de prácticas das titulacións de forestais e montes, ao contar con distintos tipos de bosques e de parcelas de repoboación de distintas idades e de especies forestais.
ProxectosMaterias como Dasometría, Vías de Saca, Repoboación Forestal, Silvicultura, Inventario e Ordenación de Montes ou Botánica Forestal terán un complemento moi valioso na diversidade que presentan as parcelas que forman parte dos montes veciñais de San Miguel de Orbazai, de cara á programación das prácticas de campo.
Carlos Herrero adiantou algúns dos proxectos que se realizarán nas diferentes parcelas, como diversos estudos dasométricos así como “tratamentos silvícolas, de talas e podas” entre outros. A EPS elaborará ademais unha cartografía xeral detallada de todo o monte comunal.
Estes traballos son, segundo apuntou Javier Bueno, “unha maneira de demostrar que estamos en contacto co sector no que van traballar os técnicos que estamos a formar na EPS”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.06.2009.