Pasar al contenido principal

Catro grupos galegos de investigación en lingüística conforman a rede 'English Linguistics Circle'

Catro grupos das Universidades de Santiago e Vigo compoñen a rede de investigación ‘English Linguistics Circle’ (ELC) que se reuniu recentemente na Facultade compostelá de Filoloxía para planificar as súas liñas de actuación para o presente ano.
Son máis de cincuenta os membros desta rede que, coordinada pola catedrática de Filoloxía Inglesa da USC Teresa Fanego, engloba aos grupos da USC ‘Variación, cambio lingüístico e gramaticalización’ que dirixe Fanego e ‘Investigación sobre inglés falado’ dirixido polo profesor Ignacio Palacios, e de Vigo ‘Variación lingüística e categorización textual’ e ‘Deseño de modelos e materiais didácticos para o ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras’.
A rede ‘English Linguistics Circle’ constituise en decembro de 2006 co apoio da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, e recentemente acadou novo financiamento en 2008 das axudas para a Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas do Sistema Universitario de Galicia, sendo a única rede financiada nesa convocatoria.
Promover a cooperación e interacción entre os catro grupos de investigación implicados e ampliala a grupos con intereses análogos a nivel nacional e internacional é o principal obxectivo desta rede, que trata ademais de deseñar e apoiar unha carreira investigadora para os seus membros máis novos e fomentar a incorporación ao SUG de novos alumnos de Terceiro Ciclo mediante unha política de difusión sobre os estudos de posgrao ofertados no ámbito da filoloxía e lingüística inglesa.
Encontros internacionaisEntre outras moitas accións, a rede organizará a primeiros de outubro, en cooperación coas Universidades de Lovaina e Newcastle, un simposio internacional sobre a estrutura da frase nominal na que participarán como conferenciantes plenarios os prestixiosos profesores Douglas Biber, da Universidade de Northern Arizona; Evelien Keizer, da Universidade de Amsterdam; e John Payne, de Manchester.
A finais dese mesmo mes pero xa na Universidade de Vigo terá lugar unha nova edición do Congreso Internacional de Lingüística Inglesa por Estudantes de Posgrao, cuxa primeira edición tivera lugar na USC con gran éxito. Organizan este encontro estudantes de posgrao coa fin de fomentar a súa interacción con outros investigadores novos, nacionais e internacionais, que traballan en áreas relacionadas dándolles ao tempo a oportunidade de adquirir experiencia na organización de actividades de I+D.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.02.2009.