Investigadores de 40 países reflexionarán en Santiago sobre 'Identidades locais, nacionais e transnacionais nos libros de texto e recursos educativos'
Investigadores de máis de 40 países participarán na 10th International Conference on Textbooks and Eduational Media, congreso que estes días están a planificar en Santiago responsables da International Association for Research on Textbooks and Educational Media (IARTEM), coa súa presidente á fronte, a profesora da Vestfold University College, Susana V. Kudsen, e a participación do profesor da USC Xesús Rodríguez, como integrante do colectivo.
Esta é primeira a vez que a xuntanza, de carácter bianual, recala en España onde o tema central das sesións xirará ao redor das ‘Identidades locais, nacionais e transnacionais nos libros de texto e recursos educativo’. Na presentación celebrada este mércores 4 na Consellaría de Educación a presidenta de IARTEM manifestou a idoneidade de Galicia para acoller a celebración do congreso, ao contar con dúas linguas oficiais.
Pola súa banda, Xesús Rodríguez, membro de IARTEM e organizador do congreso, referiuse á importancia de que esta actividade se realice por vez primeira en España, xa que tanto a comunidade galega como o conxunto do Estado son un “referente” neste eido, e polo tanto “é importante transmitir e compartir o noso coñecemento”.
Á presentación asistiron ademais dos integrantes da asociación organizadora, a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; o director do Instituto Superior de Formación e Recursos en Rede para o profesorado do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, Antonio López; a concelleira de Educación do Concello de Santiago, Guadalupe Rodríguez Silva; o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lorenzo Prieto; e o presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García Sanmartín.
Algúns dos temas que se abordarán durante este congreso son a linguaxe, identidade, contorno e materiais para a ensinanza; libros de texto, integración cultural e diversidade sociocultural; a produción libreira desde distintos puntos de vista; selección dos textos e recursos educativos, e situación do sector en España.
O encontro internacional traerá a Santiago o debate ao redor das complexas e múltiples relacións entre o contexto do proceso ensino-aprendizaxe e a socialización de identidades nacionais. Partindo desta premisa, as sesións focalizaranse no proceso de deseño, desenvolvemento, uso e selección de obxectivos dos libros de textos e outros recursos pedagóxicos. En opinión dos promotores do congreso, “será unha boa ocasión para mostrar os libros de textos e outros medios pedagóxicos como recursos para o desenvolvemento de cidadáns locais, nacionais e transnacionais” ao tempo que promover “unha rede de traballo e construción da sociedade do coñecemento”.