A prestación de servizos sanitarios e a súa evolución no tempo, tema dun seminario en Dereito
Os cambios experimentados nos últimos anos na prestación de servizos sanitarios así como a súa evolución futura é o argumento central do seminario ‘A prestación de servizos sanitarios nun entorno dinámico’, no que tamén se presta atención particular á doazón de órganos e tecidos. Baixo a dirección da profesora Belén Trigo e coa coordinación das profesoras Amalia Puga e Mercedes Gallas, o encontro busca o establecemento dun punto de encontro e debate para os profesionais relacionados coa prestación destes servizos. As sesións celebráronse na Aula José Manuel Lete del Río da Facultade de Dereito este venres 6.
A primeira sesión estivo centrada nos cambios xurídicos, sociais e avances médicos experimentados nos últimos anos. Así, representantes de centros hospitalarios públicos e privados xunto cos profesionais e expertos universitarios realizaron neste bloque un achegamento a cuestións relacionadas coa responsabilidade médica e os seus aspectos xurisprudenciais, novos retos en materia de ética asistencial ou a prestación de servizos sanitarios no entorno privado.
A evolución experimentada na doazón de órganos e tecidos centrou os debates do segundo bloque. Moderado pola profesora Mercedes Gallas, nel prestouse especial atención á situación actual e retos futuros na promoción da doazón en Galicia, a actuación dos profesionais da enfermería na relación co paciente e a súa familia ou os aspectos legais deste eido.