Alumnos de Expresión Corporal de Maxisterio participan o martes nun espectáculo que organiza Amnistía Internacional en Lugo
Un total de dezanove estudantes de Expresión Corporal da Escola Universitaria de Formación de Profesorado do Campus de Lugo participarán este martes 16 nunha representación na rúa titulada ‘Esixe dignidade’, organizada por Amnistía Internacional en favor dos dereitos humanos e contra a pobreza. A finalidade desta breve representación será simbolizar unha chamada de atención ante a necesidade dos seres humanos a teren dereito á voz.
O grupo da USC formará parte dunha formación de 45 persoas integrantes de diferentes organizacións teatrais, como Upiaska Teatro, Trasnadas e Palimoco. Todos eles realizarán un espectáculo conxunto que durará preto de cinco minutos e que se desenvolverá na Praza Maior ás 20:00 horas. A música correrá a cargo do grupo Macaco.