A Universidade de Verán profunda nas fórmulas de protección xurídica dos menores
O curso ‘O menor en perspectiva xurídica: fórmulas de protección interna e internacional’ presentará as situacións comúns de riscos para un menor, entendendo por tales as situacións de feito ou de dereito que prexudiquen o desenvolvemento persoal ou social dun menor. Con este obxectivo, a Universidade de Verán 2009 achega esta proposta formativa a Santiago onde se vai celebrar este curso entre os días 7 e 10 de xullo.
As distintas sesións programadas permitirá aos expertos participantes describir e explicar as solución técnicas arbitradas dende o Dereito en vigor, diferenciando segundo que requiran ou non a asunción da tutela por ministerio de lei.
Segundo explican as promotoras do curso, que dirixe Marta Requejo, son moitas as situacións da vida actual que poñen en perigo a integridade física e psicolóxica dos menores e que “lles impiden un desenvolvemento de acordo cos dereitos que lles teñen recoñecidos documentos nacionais e internacionais”. “A situación non é nova”, engaden, aínda que “si máis visible” por mor de fenómenos sociais como a inmigración ou a violencia doméstica e, partindo desta consideración, “percíbese dende unha nova conciencia”.