A USC, a Concellaría de Medio Ambiente e Alvarellos Editora publicarán a primeira Guía Verde de Santiago
Santiago de Compostela contará a finais deste ano coa primeira Guía verde da cidade, un volume práctico en edición de peto que coordinará un equipo de expertos dirixidos pola profesora de Botánica da USC e directora do Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’, María Isabel Fraga Vila.
A elaboración da guía acordárona este xoves na sinatura dun convenio a vicerreitora de Calidade e Planificación da USC, María Dolores Álvarez, a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de Santiago, Elvira Cienfuegos, e o co director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos, que se encargará da confección e comercialización da obra, en galego e castelán e posteriormente en inglés.
Guía divulgativa de gran difusiónA Guía verde de Santiago está pensada como unha guía de gran difusión, polo que terá un formato de peto, será editada a toda cor e cun amplo despregue gráfico: fotografías, ilustracións e roteiros que pretenderán mostrar, dun xeito ameno e sinxelo, a riqueza natural dunha das cidades do Estado con máis metros cadrados de zonas verdes por habitante.
O volume fará un percorrido por todos e cada un dos parques e zonas verdes da cidade (Alameda, Campus Sur, Bonaval, Eugenio Granell, Galeras, Belvís…) e irase descubrindo a súa historia, características naturais, especies singulares, roteiros, curiosidades, etc. A intención dos promotores é poñer en valor o patrimonio verde de Compostela, unha das súas grandes singularidades.