Pasar al contenido principal

A USC unifica no seu Centro de Proceso de Datos os sistemas, aplicacións e os nodos de voz e datos

O novo Centro de Proceso de Datos da USC centraliza nun único espazo os sistemas, aplicacións e os nodos de voz e datos da institución académica. Cun investimento aproximado de 315.000 euros a execución deste centro inscríbese nas directrices do Plan Estratéxico das TIC 2007-2010 (PETIC-II). O reitor acaba de visitar as novas instalacións emprazadas no Pavillón de Servizos do Campus Sur.
A sala principal, de 65 metros cadrados, alberga os sistemas e equipos de comunicacións e está deseñada para satisfacer as necesidades de crecemento que neste eido experimente a USC nos vindeiros anos. A sala técnica anexa, cunha superficie de 20 metros, acolle equipos eléctricos e paneis de interconexión e telefonía.
No proxecto tendéronse mais de 8.000 metros de cableado de alta capacidade de transmisión; déronse acubillo a 12 mangueiras de fibra óptica exterior; e unificáronse nun mesmo punto servidores e aplicacións ata o momento dispersos ou albergados noutras máquinas. Ademais, dotáronse as instalacións con materiais resistentes ao lume e sistema de climatización e refrixeración para o correcto funcionamento dos equipos. Tamén se incluíu a xestión centralizada de todos os equipos e alarmas, o control de detección e un circuíto pechado de televisión.
O CPD permitirá acadar solucións aos problemas de indispoñibilidade da rede da USC por fallos na alimentación eléctrica, ao dispor dun sistema de alimentación ininterrompida de alto rendemento, coa potencia e autonomía escalables e módulos susbstituíbles en quente. Trátase dun grupo electróxeno de emerxencia con máis de oito horas de autonomía, e mediante liñas de alimentacións e cadros independentes, para asegurar a súa operatividade en todo momento.
No seu conxunto, os sistemas de seguridade e xestión dos que se dota o centro, se sitúan na vangarda das instalacións dispoñibles nas universidades españolas. O deseño, cableados, modularidade de racks e acondicionamento de nodos de rede permiten garantir o crecemento previsto para as necesidades da USC nos vindeiros anos.
Doutra parte, estase traballando na instalación dun pequeno centro de proceso de datos de reserva, que acubille unha réplica dos sistemas mais críticos que poda facerse cargo dos servizos fundamentais ante calquera imposibilidade de funcionamento do centro principal.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.06.2009.