O Centro de Linguas Modernas organiza un curso de inglés en xullo para o profesorado, PAS e alumnos de 3º Ciclo do Campus de Santiago
O Centro de Linguas Modernas da USC impartirá en xullo un curso gratuíto de lingua inglesa dirixido ao profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado do Terceiro Ciclo do Campus de Santiago. As clases impartiranas alumnos do programa CELTA de formación de profesores de inglés, como parte práctica do seu período formativo.
O curso desenvolveranse entre os días 2 e 29 de xullo cun total de 40 horas lectivas, dúas ao día durante catro semanas de luns a venres, na Facultade de Ciencias da Comunicación entre as 16:30 e as 18:45 horas.
Para poder acceder a algún dos grupos, o venres 12 realizarase unha proba de nivelación (ás 17:00 horas na Sala de Graos da Facultade de Filoloxía) para formar grupos homoxéneos en canto ao seu nivel de dominio do inglés. Os resultados comunicaranse aos seleccionados a través do correo electrónico a semana seguinte da proba. En total ofertaranse 40 prazas, en dous grupos docentes de niveis distintos e un máximo de 20 alumnos por grupo.
Ao longo das sesións programadas practicaranse todo tipo de destrezas, a gramática e o vocabulario, con especial fincapé no aspecto comunicativo da lingua. Ademais, aos alumnos que teñan unha asistencia superior ao 60% expediráselles unha certificación na que constará o grao de aproveitamento, horas e nivel acadado.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Centro de Recursos de Idiomas na Facultade de Ciencias da Comunicación entre as 10:00 e as 12:00 horas ou ao teléfono 981.56.31.00 extensión 16599 no mesmo horario.