Pasar al contenido principal

Unha tese da USC estuda a relación entre a comunidade política e a igrexa católica en España

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda defendeu este martes en Políticas a súa tese de doutoramento ‘O Estado oculto (Elementos para unha revisión da transitoloxía canónica. Política e catolicismo na corporatización da función relixiosa en España)’ que lle dirixiu Xose Luís Barreiro Rivas.
O doutorando descubriu do seu estudo sobre a relación que a comunidade política mantén coa igrexa católica en España que varios sectores do campo social e do campo do poder están rexidos conxuntamente por un tertium genus institucional formado entre o Estado e a igrexa católica, “unha sorte de Estado oculto que formula e implementa políticas públicas de gran calado na vida da cidadanía, pero cuxa existencia, como tal, non está constitucionalizada”, advirte.
Para o traballo formulou unha dobre hipótese. Por unha banda, que o modelo dominante na análise do papel político da igrexa católica durante a transición política española non resulta satisfactorio para explicar os recursos de poder dos que dispón e, por outra, que as deficiencias e as insuficiencias deste modelo remiten á necesidade de revisar o modelo transitolóxico canónico no seu conxunto.
O papel da IgrexaA partir de 1965, e no prazo dun lustro, explica Araujo, a igrexa católica foi quen, “mediante unha actuación oportuna, decidida, sistemática, gradual e cautelosa”, de deslexitimar o réxime despótico español e, á vez, lexitimar o novo campo político democrático, “no que intentou asegurarse unha posición central”, asegura. Roma impulsou esta operación a través dunha estratexia destinada a despexar calquera interferencia na negociación coas elites políticas. Tratábase de “neutralizar os elementos máis refractarios ás directrices vaticanas no seo da xerarquía eclesiástica española” ao tempo que se canalizaba a presión das bases corporativas máis críticas.
Unha vez alcanzada a meta vital do cambio de réxime, a igrexa católica pasou a definir o seu novo obxectivo político, como é “a defensa dos seus intereses no novo ordenamento institucional democrático de acordo cos parámetros do corporatismo moderno”, afirma o doutorando. “Era preciso crear un ámbito político mesocorporatista, consolidar unha posición central estábel en varios campos de importancia estratéxica que puidese servir como plataforma para conseguir un trato privilexiado e para influír ideoloxicamente en asuntos tales como a moral ou a política familiar”.
Laureano Araújo fala de dúas negociacións “que transcorreron en paralelo e dun modo coordinado”, por unha banda, a igrexa foi expresamente constitucionalizada, e, por outra, o concordato de 1953 foi substituído por catro acordos parciais asinados o 3 de xaneiro de 1979.
Para o doutorando, hoxe constátase como a igrexa católica “segue a ocupar” unha posición central no campo político español aínda que o Estado tamén exerza un control, “limitado”, sobre a igrexa”. Araújo explica a este respecto que a asunción de potestades delegadas do Estado “forza á igrexa a actuar en beneficio do sistema no seu conxunto” de xeito que a corporación experimenta unha desprivatización funcional e mais unha perda de autonomía. “O Estado sométea a unha fiscalización permanente, o que a obriga a medir en todo momento as consecuencias derivadas das súas demandas e do seu comportamento”, asegura.
O mantemento deste statu quo explícase polo interese que comparten o Estado e mais a corporación católica “en que a súa relación de dependencia mutua siga a resultar beneficiosa para ambas partes”, afirma Araújo, que conclúe sentenciando “un arranxo tan ríxido coma este fundamenta a sospeita de que poderíamos estar ante un caso de corporatismo cerrado, cuxa compatibilidade coa democracia liberal é máis que discutíbel”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.06.2009.