'Repensarmos Europa é luz da diferenza', nova proposta da Universidade de Verán da USC
‘Repensarmos Europa é luz da diferenza’ é o curso de verán da USC que entre os días 8 e 10 de xullo no Salón de Actos da Facultade de Filosofía tratará de facer visibles as implicacións sociais dos fenómenos vinculados ás coordenadas da emerxencia cultural e dos movementos migratorios no contexto europeo.
Ao longo dun total de 30 horas lectivas e baixo a dirección de Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade, este curso tenta relacionar os procesos emerxentes e os enclaves culturais. A súa finalidade é impulsar a análise das manifestacións culturais procedentes de maros aos que tradicionalmente se adxudica unha representatividade ou lexitimidade insuficientes.
As súas promotoras consideran o encontro como unha destacada ocasión para abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, políticos, económicos, tecnolóxicos, mediáticos, xurídicos ou estéticos.