Pasar al contenido principal

A USC e a Fundación ONCE colaborarán no desenvolvemento de actividades que favorezan a integración laboral de persoas con discapacidade

O reitor da USC, Senén Barro, e o vicepresidente primeiro executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán, asinaron este luns 15 un convenio marco para o desenvolvemento de actividades conxuntas que favorezan a integración laboral de persoas con discapacidade.
A sinatura do acordo representa, indicou o reitor compostelán, a manifestación de que cada paso que se dea neste ámbito é importante e imprescindible, aínda que “o esforzo nunca será suficiente”. Pola súa banda, Alberto Durán subliñou a relevancia do acordo por ser a formación “unha das variables que inflúen na calidade do emprego a acadar”. Trátase de intentar que “as persoas teñan o mellor nivel formativo para chegar en boa posición ao contorno laboral”, destacou o representación da Fundación Once.
Este convenio pretende establecer un entorno de referencia para o desenvolvemento daquelas actuacións de sensibilización da sociedade na integración e inserción laboral das persoas con discapacidade, actividades de formación e asesoramento ou promoción da súa inserción laboral nas empresas.
O documento asinado permitirá o establecemento de programas de derivación e inserción laboral de estudantes con discapacidade da institución académica, e a elaboración de materiais divulgativos e de sensibilización sobre a discapacidade e a inserción laboral. Ademais, USC e Fundación Once establecen deste xeito a posibilidade de desenvolver todas aquelas accións que favorezan directa ou indirectamente a formación e a integración dos estudantes con discapacidade da USC na vida universitaria, tales como adaptacións técnicas de postos de estudos en aulas e laboratorios, o financiamento de matrículas de posgraos, material académico, bolsas de formación ou organización de cursos.
O desenvolvementos das actuacións previstas levarase a cabo a través de acordos específicos nos que se reflectirá pormenorizada a dimensión e alcance da cooperación, así como os compromisos asumidos por ambas partes. O convenio asinado terá unha vixencia dun ano, prorrogable por períodos similares.
A USC posúe unha longa traxectoria no desenvolvemento de actividades de accións social e de cooperación, eido do que se responsabiliza o seu Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU). Entre os seus obxectivos figura a promoción das accións de voluntariado, acción solidaria, cooperación e a plena integración dos estudantes universitarios con discapacidade na comunidade universitaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.06.2009.