A Universidade impartirá en Caldas de Reis un curso sobre inmigración no ámbito educativo
A Universidade de Santiago celebra no Auditorio Municipal de Caldas de Reis o curso de verán ‘Inmigración, educación e transformación social’, no que se falará sobre os enfoques e os modelos que permiten entender e interpretar os fluxos migratorios actuais así como a súa integración no ámbito educativo.
O curso, que estará dirixido por Mar Lorenzo Moledo e Begoña Castro Martínez, consta de 30 horas lectivas que se impartirán do 6 ao 10 de xullo. Ao longo destes días tratarase de dar a coñecer aos asistentes as principais implicacións da inmigración nos contextos educativos en xeral e escolares en particular.
Así, analizaranse as dinámicas e os procesos de cambio social que acompañan ao auxe da inmigración, atendendo, fundamentalmente, aos casos das familias, escolas, grupos ou comunidades, e estudaranse os planos relacionados coa xestión da inmigración a distintos niveis, dando prioridade ás dimensións potencialmente máis relacionadas co desenvolvemento das actitudes interculturais.
A taxa xeral de matrícula para este curso é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición tanto a través de internet como por vía presencial (ata o 26 de xuño), xa está aberto.
As persoas interesadas en ampliar a información sobre este curso poden consultar a web www.usc.es/esculca.