Pasar al contenido principal

Un curso de verán analizará en Burela o papel que os movementos migratorios teñen no desenvolvemento local

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

‘Inmigración e desenvolvemento local: as claves educativas e sociais’ é o título do curso de verán que a Universidade de Santiago impartirá en xullo no Salón de Plenos do Concello de Burela, co fin de estudar as claves que definen a importancia dos fluxos migratorios no panorama actual de globalización.
Dirixido por Miguel Anxo Santos Rego, o curso consta de 30 horas lectivas, entre o 13 e o 17 de xullo, nas que se analizarán as repercusións da inmigración no eido local, facendo especial fincapé nas variables socio-educativas.
No transcurso das sesións abordarase tamén a relación entre inmigración e cidadanía no marco xeral e no máis especifico das comunidades locais. Así mesmo, avaliaranse algúns enfoques ou orientacións relacionadas coas pautas de integración das persoas e dos colectivos inmigrantes no ámbito local.
A taxa xeral de matrícula para este curso é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 3 de xullo), xa está aberto.
As persoas interesadas en afondar na programación do curso poden consultar a web www.usc.es/esculca.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.06.2009.