Alimentación e vida cotiá protagonizan o número 21 da revista 'Semata'
‘Alimentación, sociabilidade e vida cotiá na historia’ é o título do vixésimo primeiro volume da revista Semata que nesta ocasión coordinan os profesores Xavier Castro Pérez, Camilo Fernández Cortizo e José Mª Folgar de la Calle. O novo número presentouse este xoves na Facultade de Xeografía e Historia.
Dende os anos 30 do pasado século, de que datan os primeiros estudos históricos que teñen como obxectivo as estruturas do cotián, a vida cotiá foi adquirindo peso historiográfico dentro da renovada historia social e socio-cultural, tamén en España, aínda que dende tempos máis recentes por razón do seu atraso con respecto aos países europeos punteiros.
Nos estudos históricos actuais nada é alleo á cotidianeidade: a alimentación e a bebida, a vivenda, o mobiliario, o vestido, os traballos e as festas, os ritos e as crenzas, a sexualidade, a sociabilidade, a conflitividade, a linguaxe e a comunicación ou as idades da vida, temáticas algunhas delas que, dun xeito ou outro, abordan os traballos do volume, construídos con fontes artísticas, documentais, figurativas e impresas moi variadas, con enfoques dispares, pero comprometidos coa historia socio-cultural e en particular coa historia da alimentación, da cultura material e da arte. Tamén, finalmente, dende historiografías diversas por razón da nacionalidade heteroxénea dos autores.
Neste contexto, unha temática privilexiada en razón do número de estudos que recibe é a da historia da alimentación e da sociabilidade da mesa, á que se consagra este novo volume de Semata baixo unha perspectiva histórica multisecular –dende a antigüidade romana ata o século XX- e con diferentes calas tamén no espazo, europea nun caso, brasileira e portuguesa respectivamente noutro e, finalmente, galega nos tres restantes.