Pasar al contenido principal

Esther Tusquets inaugurou en Santiago o VII Encontro de investigadores sobre o franquismo

A escritora Esther Tusquets inaugurou o encontro de investigadores
A escritora Esther Tusquets inaugurou o encontro de investigadores

A escritora Esther Tusquets, unha das referencias do mundo editorial español dende a década de 1960 tanto dende a editorial Tusquets como dende Lumen, foi a encargada de inaugurar este mércores no Paraninfo da Universidade o VII Encontro de Investigadores sobre o franquismo. Autora de máis dunha quincena de novelas e libros de relatos, o seu último libro, de carácter autobiográfico e onde reflicte o mundo de valores da burguesía conservadora da Barcelona de posguerra, é Habíamos ganado la guerra (2008).
Desde hai case vinte anos este encontro de investigadiores celébrase en distintos puntos de España. Nesta ocasión a organización correspóndelle ao Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC en colaboración coa Fundación 10 de Marzo, que ata o 13 de novembro aspiran a dar un paso máis no coñecemento do que foi a ditadura “abrindo as súas portas a todos aqueles investigadores que actualmente traballan sobre este período histórico”, indica o profesor da USC Daniel Lanero.
O encontro, que a partir de agora desenvolverá todas as xornadas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, xira arredor de seis mesas de discusión sobre Mundo do traballo; Migracións e exilios; Identidades e conflitos territoriais; Dinámicas políticas durante o franquismo; Sociedade e movementos sociais; e Cultura e opinión. En cada unha delas un relator analizará as comunicacións presentadas, marcando as liñas do debate que se abrirá a continuación.
Respecto ás edicións anteriores, este ano o encontro contempla a novidade de dúas mesas redondas; a primeira será unha posta ao día dos estudos sobre o franquismo, mentres que na segunda debaterase sobre un ámbito da investigación moi prolífico nestes últimos anos como é a represión. Ademais, tamén este ano por primeira vezdurante todo o encontro os asistentes coñecerán os pósteres que sobre a represión presenten os investigadores procedentes do mundo académico ou das numerosas asociacións que traballan neste campo.
Expertos de renomeAo longo dos tres días do congreso sucederanse numerosos relatorios de expertos de renome como Emilio Silva Barrera, fundador e presidente da Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH); Jordi Gràcia, un dos maiores coñecedores da historia cultural do franquismo e da transición; Manuel Loff, especialista na análise do franquismo e do salazarismo en perspectiva comparada; ou Carme Molinero, experta na análise da evolución sociopolítica do franquismo, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.11.2009.