Unhas xornadas analizarán cuestións tributarias prácticas
Representantes dos tribunais Superior de Xustiza de Galicia, do Económico Administrativo Rexional, do Supremo e do Económico Administrativo Central, xunto a especialistas das universidades de Santiago e Vigo debaterán na USC sobre ‘Cuestións actuais de Dereito Tributario: cuestións tributarias prácticas’. Este curso celebrarase no Salón Nobre do Colexio de Fonseca entre os días 25 e 26.
Nestas dúas xornadas que coordina o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC César García Novoa, os expertos analizarán as particularidades da proba en materia tributaria, así como a duración dos procedementos tributarios e consecuencias do incumprimento dos prazos.
Co obxecto de abordar os temas propostos participarán como relatores o maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia,José María Díaz de Castroverde; o presidente do Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia, Pedro Ibáñez Brillas; o maxistrado da Sala Terceira do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, José Díaz Delgado; o vocal do Tribunal Económico-Administrativo Central, Antonio Longás Lafuente; a catedrática de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Vigo, Ana María Pita Grandal; e o catedrático da Universidade de Santiago, César García Novoa.
O curso, que se vai celebrar en horario de 16:00 a 20:00 horas, está recoñecido cun crédito de libre configuración para todas as titulacións. Para acadar máis información sobre o proceso de matrícula –aínda aberto- as persoas interesas poden dirixirse a soraya.losada [at] usc.es (Soraya Rodríguez Losada), na Área de Dereito Financeiro e Tributario da Facultade de Dereito.