Pasar al contenido principal

Comezan en Santiago as primeiras Xornadas de Propiedade Industrial, coa participación dos máis relevantes expertos na materia

A Facultade de Dereito acolle este xoves 26 as primeiras Xornadas de Propiedade Industrial organizadas polo Instituto de Dereito Industrial de USC (Idius), na que se darán cita os máis importantes especialistas procedentes de distintos puntos de España.
A inauguración do encontro terá lugar ás 10:00 horas no Salón de Graos do centro, para dar paso ao catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Valladolid, Luis Antonio Velasco San Pedro, que falará das barreiras de entrada e a súa relevancia para o Dereito da Competencia. Deseguido intervirá Juan Ignacio Ruiz Peris, catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Valencia, co relatorio ‘Algunhas reflexións sobre a protección xurídica da reputación comercial’.
A protección comunitaria das indicacións xeográficas de bebidas espirituosas e o dereito antitrust serán os temas cos que se complete a sesión da mañá, a cargo do profesor de Vigo Maroño Gargallo e de Hernández Rodríguez, da USC. Xa pola tarde trataranse asuntos relacionados cos conflitos entre denominacións sociais e signos distintivos da empresa e a autorregulación publicitaria, da man dos docentes Gómez Porrúa, de Sevilla, e Tato Plaza, da Universidade de Vigo.
As xornadas están dirixidas polos profesores Francisco Javier Framiñán Santas e Ángel García Vidal e contan coa colaboración da Oficina Española de Patentes e Marcas, que financia boa parte das actividades do Instituto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.11.2009.