Pasar al contenido principal

Un experto francés achega claves para establecer estratexias organizativas de investigación en biotecnoloxía

Daniel Pardo é director de investigación do Laboratorio de Economía e Socioloxía do Traballo do Centro Nacional francés da Investigación Científica

O director de investigación do Laboratorio de Economía e Socioloxía do Traballo do Centro Nacional francés da Investigación Científica (LEST-CNRS), Daniel Pardo, ofrecerá este xoves 26 en Santiago a conferencia ‘Desde as Ciencias da Vida á Bioindustria. Biotecnoloxía en 2009: retos e obxectivos’. Será no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) ás 18:00 horas.
Esta actividade prodúcese nun momento crucial para a Universidade, habida conta da proxección do Campus de Excelencia Internacional e a importancia de xerar un debate sobre as estratexias organizativas da investigación. De feito, a súa organización parte da iniciativa do Instituto de Estudos e Desenvolvemento Económico de Galicia (Idega) en colaboración co CEA e a Vicerreitoría de Investigación e Innovación.
Daniel PardoPardo, especialista en bioloxía molecular, orienta a súa investigación na economía e xestión da biotecnoloxía. Na actualidade estuda os mecanismos de innovación en Ciencias da Vida e as Biotecnoloxías en Francia, Xapón, Israel e Finlandia. O seu traballo de investigación acompáñase dunha sólida experiencia como consultor científico no campo da Ciencias da Vida, na transferencia biotecnolóxica e na creación de redes de cooperación internacional.
Daniel Pardo participou na creación do primeiro Centro Rexional de Innovación que contribúe ao desenvolvemento do Bio-pôle de Luminy. É ademais consultor Científico adxunto na Embaixada de Francia no Xapón encargado do ‘Human Frontier Science Programme’, director dun Joint Venture Research entre dous grupos industriais xaponés (Ajinomoto) e francés (Lafarge), vice presidente dun gran grupo industrial de biotecnoloxia e director de Mediterranée Technologies.
No CNRS é responsable da Misión da Dirección Xeral para animar o programa de investigación sobre análise da innovación no dominio das ciencias da vida e da biotecnoloxía. Neste contexto traballa no seo dun equipo de excelencia en Economía adoptando unha metodoloxía interdiciplinar inspirada nas Ciencias Sociais (Socioloxía, Antropoloxía, Teoría das Organizacións) para comprender os mecanismos de innovación e de transferencia tecnolóxica nas bio-tech.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.11.2009.