Pasar al contenido principal

Continúa este martes Lugoemprende na Universidade

As sesións irán enfocadas a fomentar a cultura emprendedora entre a comunidade universitaria

A USC celebra este martes 14 a segunda xornada do programa ‘Lugoemprende na Universidade’ en relación ás diferentes accións que se van levar a cabo ao longo do ano dentro deste programa e que pretende achegar o emprendemento a todos os universitarios dos últimos cursos das diferentes Facultades e Escolas que forman parte do Campus lugués.
Este segundo encontro chamado ‘Seminario para a Difusión da Creación de Empresas’, está organizado pola Área de Autoemprego do Campus de Lugo, integrado dentro do Programa Uniemprende, en colaboración co CEI Nodus do Concello e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE). A sesión terá lugar en horario de 12:00 a 14:00 horas, no propio CEI, e a ela asistirán 85 estudantes dos últimos cursos da Diplomatura e da Licenciatura de ADE.
O obxectivo desta xornada será difundir a maneira como se xeran as ideas empresariais e romper os mitos sobre a figura do emprendedor, amosando a través de experiencias persoais de emprendedores galegos, que calquera persoa con ganas e esforzo pode desenvolver un proxecto empresarial.
ProgramaO contido deste Seminario para a Difusión da Creación de Empresas segmentarase basicamente en tres partes. A primeira delas centrarase na figura do emprendedor como pedra angular de calquera proxecto empresarial e analízase a relación entre o éxito da empresa e as características persoais deste axente. A través de casos reais de empresas implantadas en Galicia, abordaranse aspectos como as aptitudes desexables nun emprendedor, as habilidades, coñecementos e actitudes necesarias, os mitos que hai que superar, as principais barreiras que adoitan atopar e as diferentes motivacións que impulsan a emprender.
Na sesión estudarase ademais a idea de negocio, como o concepto que se desexa vender e cal será o perfil dun cliente potencial. Examinaranse as distintas fontes de ideas e concluirase que a viabilidade dun proxecto depende en gran medida da calidade e madurez da idea inicial. Abordaranse tamén as diferentes fontes de información ás que o emprendedor deberá acceder para recompilar datos, procesalos e analizalos co fin de examinar os visos de viabilidade a partir do punto de vista comercial, económico-financeiro e técnico-legal.
A última parte centrarase na posta en marcha e na transformación da idea en proxecto, na necesidade de desenvolver un plano de empresa rigoroso e os recursos humanos e materiais que son necesarios para poñer en marcha o proxecto. Mostraranse ademais unha serie de instrumentos e recursos que están dispoñibles para os emprendedores e que supoñen unha importante axuda para acadar o éxito nos seus proxectos de empresa.
Ao longo de todo o seminario expoñeranse casos reais de emprendedores que desenvolveron un proxecto empresarial en Galicia (extraídos do Banco de Proxectos Empresariais), no que se abordan aspectos como o historial do emprendedor, os recursos dos que dispoñía, a orixe da súa idea empresarial, as motivacións que o levaron a desenvolver o seu proxecto, as dificultades que tivo que superar e as ameazas que se avistan no seu sector ou mercado, así como os factores aos que se pode atribuír o éxito da súa empresa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.04.2009.