O catedrático da USC José Antonio Caride, reelixido presidente da Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social
O catedrático de Pedagoxía Social da USC José Antonio Caride Gómez resultou elixido, por terceira vez consecutiva, presidente da Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social (SIPS) da que é fundador, cargo electo que ocupa desde 2002. Na votación celebrada na Universidade de Salamanca o refrendo do 98 por cento dos electores.
Do novo consello executivo da Sociedade, que exercerá os vindeiros tres anos (ata 2011), tamén forma parte, como secretaria, Rita Gradaílle Pernas, contratada Parga Pondal no Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da USC, dando continuidade tamén nesta nova etapa á función que desempeña desde 2005.
Xunto ao profesor José Antonio Caride e a Rita Gradaílle completan o consello executivo da SIPS os profesores Xavier Úcar, da Universitat Autónoma de Barcelona, como vicepresidente; Asun Llena, da Universitat de Barcelona, como tesoureira; e, como vogais, Luís Vicente Amador, da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla; Vanderley Brusch, da Ludens Projectos Educacionais (Brasil); Paulo Delgado, da Universidade do Minho (Portugal); Rosa Marí, de Castilla-La Mancha; Gloria Pérez Serrano, da UNED; Carmen Orte, da Universitat de les Illes Balears; e Rosa Santibáñez, da Universidade de Deusto.
A SIPSA SIPS é unha sociedade científica que hoxe agrupa a máis de 200 profesores e investigadores de máis de 60 Universidades españolas, portuguesas e latinoamericanas, cunha ampla traxectoria na convocatoria e organización de seminarios e congresos así como na edición de publicacións en diversos formatos, entre as que ocupa un lugar destacado a revista interuniversitaria Pedagogía Social. Ademais, e no marco da Converxencia Europea da Educación Superior consonte a Plan Boloña, este colectivo tense implicado ed maneira importante na implantación dos novos Graos de Educación Social e Pedagoxía, singularmente, nas Universidades españolas.
Un dos principais desafíos da Sociedade será a celebración, en setembro de 2010 en Porto Alegre, do seu III Congreso Iberoamericano de Pedagoxía Social, en converxencia coas edicións –en total 24, desde o ano 1981- dos Seminarios Interuniversitarios de Pedagoxía Social que se celebran con periodicidade anual.
José Antonio CarideO profesor Caride, que dirixe o Grupo de Investigación Pedagoxía Social e Educación Ambiental’ (SEPA interea) na USC, é autor de máis de 300 publicacións en libros, monografías e revistas especializadas. Os seus proxectos de investigación máis recentes toman como referencia os tempos escolares e os tempos de ocio na vida cotiá da infancia e a adolescencia, así como os procesos de conciliación da escola, a vida familiar e laboral.
Desde 2003 dirixe a Revista da Facultade de Ciencias da Educación da USC Adaxe; Ademais, forma parte de distintos consellos científicos e editoriais de revistas especializadas en Ciencias Sociais e da Educación en España e noutros países, así como de diversos comités de avaliación de carácter nacional e internacional. En 2004, en Chile, concedéronlle a Orde ao Mérito Institucional do Consello Mundial da Educación-World Council For Currículum and Instruction.