Expertos de todo o Estado analizan as particularidades do Dereito sucesorio galego
As peculiaridades e os problemas de interpretación que suscita a regulación galega da sucesión mortis causa estudarase no transcurso dunhas xornadas que se van celebrar na Facultade de Dereito dende este xoves 16.
Docentes das universidades da Coruña, Santiago, Pompeu Fabra e Zaragoza, xunto con notarios de diversos concellos da xeografía galega e representantes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia profundarán nos aspectos que definen xuridicamente a cuestión sucesoria, comezando cunha análise da Lei 2/2006 de Dereito Civil de Galicia e continuando con outras cuestións como os testamentos, a lexítima, a apartación, o pacto de mellora, a partición hereditaria ou experiencias noutras comunidades como a aragonesa ou a catalá.
O dereito sucesorio na Lei 2/2006 centrará os debates da primeira sesión das xornadas que se inaugurarán nun acto que comezará ás 19:00 horas e que dará paso a unha sesión na que se analizará o panorama do Dereito Civil. Xa as 20:15 horas, trataranse as consecuencias fiscais dos negocios sucesorios en Galicia.
As xornadas continuarán tratando as particularidades dos testamentos mancomunado e por comisario, os días 17 e 23 respectivamente, que darán paso á análise da lexítima, o 24 de abril, e ao usufruto do cónxuxe viúvo. O programa estenderase ata o 15 de maio para tratar tanto cuestións prácticas asociadas a este ámbito do dereito como para desenvolver unha análise comparativa con outros dereitos civís autonómicos.