A Semana de Benvida achegará a cidade e o campus universitario aos estudantes a través de múltiples propostas culturais
O convenio Lugo Cultural presentou este venres en rolda de prensa a programación da Semana de Benvida na que, a través de concertos, exposicións, danza, relatorios e actuacións teatrais e coreográficas, se pretende achegar aos estudantes os espazos do Campus Universitario e da cidade de Lugo. O programa desenvolverase a vindeira semana, entre os días 20 e 23.
Ao acto de presentación asistiron a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo;o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao; o xefe territorial de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina; e o xerente da Fundación Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez.
A música ocupará un lugar destacado na programación da Semana de Benvida. As actividades darán comezo o martes 20, ás 10:00 horas, cunha audición de música clásica co Trío Kandinski que terá lugar na Escola Universitaria de Formación de Profesorado. Ao longo desa mesma mañá, esta formación actuará tamén na Facultade de Administración e Dirección de Empresas e na Escola Politécnica Superior.
Tamén se poderán ver as improvisacións de danza a cargo do grupo La Macana. A primeira será ás 11:00 horas no Aulario da Facultade de Veterinaria e posteriormente nas facultade de Ciencias e Humanidades. Ás 18:00 horas, a formación presentará a súa peza Shure P648 no Museo Provincial. O grupo de Jazz Harry Navisson Swing Band actuará ás 14:30 horas na vidreira de Veterinaria e acompañará ao profesor José Troyano, da Universidade de Málaga, no seu relatorio, que será ás 20:00 horas na Escola de Formación de Profesorado.
O mércores 21 haberá una representación a cargo do dúo Repentistas, formado polo pianista e compositor Pablo Seoane e o escritor e xornalista Camilo Franco. Ambos os dous ofrecerán un espectáculo de improvisación musical e literaria. Será ás 20:30 horas no Círculo das Artes.
Xacobe Martínez Antelo dará continuidade ao apartado musical. Este músico presentará o xoves na praza de Santa María o seu novo traballo A Tribu. Unha volta ás raíces, acompañado de Rosolino Marinello, Manuel Cebrián, Max Gómez e David González.
Dentro da programación destaca tamén a inauguración da exposición As Terras Escondidas, na Sala Isaac Díaz Pardo de Veterinaria. Ás 20:30 horas, a cantante Mercedes Peón pechará a Semana de Benvida cun concerto.
Outras actividadesLugo Cultural programa unha ampla gama de actividades que se desenvolven durante todo o ano, como os ciclos musicais de ‘Lubicán’, ‘Músicas a carón da Mosqueira’, ‘Entre lusco e fusco’ e o de ‘Música experimental’. Ademais, programan distintas rutas, o maratón fotográfico, o Encontro de Danza Europeo, o Festival Internacional de Teatro Universitario e o programa Anda na Banda.
Trátase de propostas plenamente asentadas na programación cultural deste campus universitario e, por extensión, da cidade luguesa. Todas as novidades relativas a esta programación está a disposición das persoas interesadas no web http://www.lugocultural.es.