Arrinca este martes en Lugo a Semana de Benvida coas actuacións do Trío Kandinski e o grupo de danza La Macana
A Semana de Benvida arrinca este martes 20 en Lugo coas actuacións do Trío Kandinski e do grupo de danza La Macana. A programación, enmarcada no convenio Lugo Cultural, combinará ao longo de catro días concertos, exposicións, danza, relatorios e actuacións teatrais e coreográficas, co que se pretende achegar aos estudantes os espazos do Campus e da cidade.
A primeira xornada dará comezo ás 10:00 horas, cunha audición de música clásica co Trío Kandinski que terá lugar na Escola Universitaria de Formación de Profesorado. Ao longo desa mesma mañá, esta formación actuará tamén na Facultade de Administración e Dirección de Empresas e na Escola Politécnica Superior.
Tamén se poderán ver as improvisacións de danza a cargo do grupo La Macana. A primeira será ás 11:00 horas no Aulario da Facultade de Veterinaria e posteriormente nas facultade de Ciencias e Humanidades. Ás 18:00 horas, a formación presentará a súa peza Shure P648 no Museo Provincial. O grupo de Jazz Harry Navisson Swing Band actuará ás 14:30 horas na vidreira de Veterinaria e acompañará ao sociólogo galego Luis Cuntín no seu relatorio, que será ás 20:00 horas na Escola de Formación de Profesorado.
Resto da semanaO mércores 21 haberá una representación a cargo do dúo Repentistas, formado polo pianista e compositor Pablo Seoane e o escritor e xornalista Camilo Franco. Ambos os dous ofrecerán un espectáculo de improvisación musical e literaria. Será ás 20:30 horas no Círculo das Artes.
Xacobe Martínez Antelo dará continuidade ao apartado musical. Este músico presentará o xoves na praza de Santa María o seu novo traballo A Tribu. Unha volta ás raíces, acompañado de Rosolino Marinello, Manuel Cebrián, Max Gómez e David González.
Dentro da programación destaca tamén a inauguración da exposición As Terras Escondidas, na Sala Isaac Díaz Pardo de Veterinaria. Ás 20:30 horas, a cantante Mercedes Peón pechará a Semana de Benvida cun concerto.
Outras actividadesLugo Cultural programa unha ampla gama de actividades que se desenvolven durante todo o ano, como os ciclos musicais de ‘Lubicán’, ‘Músicas a carón da Mosqueira’, ‘Entre lusco e fusco’ e o de ‘Música experimental’. Ademais, programan distintas rutas, o maratón fotográfico, o Encontro de Danza Europeo, o Festival Internacional de Teatro Universitario e o programa Anda na Banda.
Trátase de propostas plenamente asentadas na programación cultural deste campus universitario e, por extensión, da cidade luguesa. Todas as novidades relativas a esta programación está a disposición das persoas interesadas no web http://www.lugocultural.es.
O Convenio Lugo Cultural está formado pola USC, Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e Fundación Caixa Galicia.