Pasar al contenido principal

Luis Castedo, doutor honoris causa pola Universidade do País Vasco

O profesor Castedo mantén estreitos vínculos coa Universidade do País Vasco
O profesor Castedo mantén estreitos vínculos coa Universidade do País Vasco

O catedrático de Química Orgánica da USC Luis Castedo foi investido este venres doutor honoris causa pola Universidade do País Vasco nun acto celebrado no Campus de Leioa (Biscaia) coa presenza do seu reitor Iñaki Goirizelaia Ordorika e do viceconselleiro de Universidades e Investigación, Pedro Luis Arias.
Con este nomeamento, no que actuou de madriña a profesora Esther Domínguez, quérese recoñecer, entre outros méritos, o “papel clave” do profesor Castedo nos inicios do Departamento de Química Orgánica da Universidade do País Vasco. Ademais, a filosofía de traballo do profesor Castedo, un dos máximos responsables do progreso da Química Orgánica española nas últimas décadas, influíu de xeito decisivo en varias xeracións de químicos españois e “ten sido crucial” para a formación dun gran número de profesores e investigadores de recoñecido prestixio internacional.
A actividade investigadora do profesor Castedo centrouse na síntese de produtos naturais, moitos deles con actividade biolóxica probada, por exemplo metabolitos da vitamina D, no estudo de reaccións de ciclopolimerización de arinos y metátese de dieninos e na síntese e ensamblaxe de péptidos cíclicos. Na actualidade, as súas investigacións diríxense cara ao deseño de péptidos para o recoñecemento do xenoma e de nanotubos peptídicos, así como o desenvolvemento de estratexias sintéticas para a síntese de compostos antitumorais, herbicidas, carbazúcares inhibidores de glicosidasas e antibióticos.
Luis Castedo é socio da Royal Society if Chemistry, da American Chemical Society e da Real Sociedad Española de Química, ademais de presidente do Grupo de Química Orgánica entre os anos 2002 e 2006. Ademais é coautor de máis de 500 artigos de investigación e codirixiu 75 teses de doutoramento.
Ao longo da súa traxectoria académica obtivo numerosos premios, entre os que destaca o Galicia de Investigación de 2003. Na súa faceta pública foi director xeral de Universidades e Política Científica da Xunta de Galicia e participou na creación das universidades da Coruña e Vigo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.10.2009.