Pasar al contenido principal

O uso dos biocombustibles, a estudo nun curso que se impartirá en Santiago

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago impartirá a partir do 21 de setembro o curso ‘Biocombustibles: retos e oportunidades’, de 33 horas lectivas, co que se pretende presentar unha visión ampla sobre a produción e o uso dos biocombustibles como produtos enerxéticos alternativos, no marco dunha produción sostible presentando o estado actual e a visión a medio prazo.
A orientación do curso, dirixido por Juan Lema Rodicio e Pastora Bello Bugallo, é tecnolóxica, pero considerando aspectos económicos, sociais e ambientais que poden condicionar a viabilidade das alternativas.
A elección do conxunto de profesores, universitarios, de departamentos de produción e investigación de empresas líderes e de institucións con competencias na área pretende ofrecer unha orientación máis rica.
O programa do curso ten como obxectivo ofrecer unha acción complementaria á formación académica dos estudantes, especialmente dos alumnos e alumnas das titulacións en Enxeñaría Química, Enxeñarías Técnicas e dos Máster en Enxeñaría Ambiental e Enerxías Renovables, permitíndolles a exploración dunha área de actividade moi dinámica e que nos próximos anos pode ter un desenvolvemento notable.
A taxa xeral de matrícula para asistir a estas sesións que se desenvolverán no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago ata o 24 de setembro é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 11 de setembro), xa está aberto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.07.2009.